Lourenzá (Lugo), 11 de xullo de 2017.- A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, e o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, entregaron hoxe o certificado de uso da marca de garantía Galicia Calidade, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, á cooperativa Terras da Mariña para a comercialización da faba acollida á Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Faba de Lourenzá.
Sol Vázquez Abeal subliñou o esforzo feito pola cooperativa constituída no ano 2014 por unha vintena de socios produtores de faba da comarca da Mariña para vender os seus produtos con garantías de trazabilidade e asegurando a excelente calidade e seguridade alimentaria. “Terras da Mariña ten unha relevancia na contorna e unha repercusión positiva no eido económico, social e cultural ao recuperar e potenciar unha actividade tradicional mellorando as condicións de produción e comercialización”, apuntou.
A directora xeral de Comercio e presidenta de Galicia Calidade, destacou que a aposta da Xunta polo cooperativismo e a economía social “está a contribuír ao desenvolvemento económico do medio rural”, xa que incrementa as posibilidades de creación de emprego e de comercialización dos seus produtos en mercados máis globais e competitivos.
Neste sentido, recordou que Galicia, grazas ás ferramentas activadas pola Xunta para impulsar a economía social, conta con 1.325 cooperativas activas, un 3,2% máis que no primeiro semestre do ano pasado. “Estamos comprometidos coa creación de emprego de calidade e a fixación de poboación no medio rural”, subliñou.
Pola súa banda, Alfonso Cabaleiro destacou que o certificado Galicia Calidade permite a Terras da Mariña empregar este selo de garantía para a faba certificada pola IXP Faba de Lourenzá. Tamén salientou o compromiso da sociedade cooperativa para ofrecer produtos de alta calidade e que contan con “garantías de trazabilidade e seguridade alimentaria, que é o que demandan os mercados máis esixentes”.
Terras da Mariña
Ademais da faba acollida á Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá, esta sociedade cooperativa, que conta cunhas 60 hectáreas de produción, tamén ofrece outro tipo de variedades como a faba verdina.
O labor que está a facer Terras da Mariña foi premiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria como Mellor Cooperativa Nova de Galicia no Día do Cooperativismo -o pasado día 1 de xullo- pola súa contribución ao desenvolvemento de Galicia e o impacto positivo que xerou na súa comarca, tanto no eido económico como social e cultural ao potenciar unha actividade tradicional.
Coa entrada de Terras da Mariña, na actualidade contan coa certificación de Galicia Calidade 96 empresas de sectores como a alimentación, o turismo, o vitivinícola ou o lácteo, cunha facturación global que representa o 4,5% do PIB da economía galega e 5.000 empregos directos. Máis de 350 produtos empregan este selo que garante que cumpren os requisitos de certificación e superan as probas de control externo realizadas pola sociedade xestora da marca.