A Mariña, 1 de agosto de 2017. Este mércores 2 haberá pleno da Mancomunidade de Municipios de A Mariña en Mondoñedo a partir das 20:00 horas. Na orde do día figuran os plans de turismo para os vindeiros meses e tamén a renovación dos contratos coas empresas de recollida de aceite usado e de roupa. Nesta sesión tamén se falará da avespa velutina.
O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano, explicou que “correspondía facer un pleno ordinario onte, luns, pero por diversas circunstancias tivo que trasladarse a mañá, 2 de agosto. Hai que ter un número determinado de membros para poder facer o pleno e non acadábamos o número mínimo, que é un terzo dos integrantes e polo tanto non puidemos facelo. Unha das circunstancias é que había pleno en varios Concellos e por outro lado hai moitísima actividade estes días e polo tanto tamén había dificultades dalgúns alcaldes e concelleiros para poder asistir a esta sesión da Mancomunidade”.
Llano contou que “entre outras cousas o que se vai facer no pleno é o nomeamento dos vocais que aínda non tomaron posesión. Tamén se vai falar do estado do expediente do convenio de turismo para o ano 2017, do que resta para este último semestre. Hai que aprobar a organización do mes da maxia, a promoción das rutas de artesanía, a campaña publicitaria de turismo slow, a formación en redes sociais, a formación e mellora en restauración que comezamos o ano pasado conxuntamente co IES de Foz e a asociación de empresarios de A Mariña. Tamén nos interesa facer a coordinación de traballos de axencias turísticas e a actualización dos recursos webs”.
O presidente da Mancomunidade indicou que “ademais falaremos do estado da contratación da recollida selectiva de aceites de cociña usados. É algo que está dando moi bo resultado nos concellos porque por un lado facilita que a xente saiba onde ten que tirar eses aceites e por outro lado hai moita menos contaminación derivada de que se depositen de calquera maneira eses aceites, por exemplo nos sumidoiros. Xa venceu o prazo do convenio coa empresa que tíñamos e imos volver sacalo a concurso o antes posible porque os Concellos así o demandan”.
Alfredo Llano engadiu que “tamén está dando moi bo resultado a recollida de roupa usada, o que se fai con ela é sacala do circuíto de recollida normal do lixo, xa que trae uns custes grandísimos, co que ten resultados positivos para os Concellos porque non ten que pagar a Sogama por exceso de residuos e por outro lado recíclase algo que contamina moito como é a roupa usada se non se trata ben. Imos renovarlle durante un ano máis á empresa que está agora mesmo licitada para facer esta labor”.
O presidente da entidade adiantou que “tamén imos falar da avespa velutina porque hai certos Concellos que xa manifestaron as súas queixas, dado que a Xunta non dá unha resposta axeitada ao que é este problema xa que se enfoca excesivamente a responsabilidade nos Concellos”.
Críticas ao ministro de Fomento
O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, despois da visita onte a Galicia do ministro de Fomento, dixo que “sería bo que xa que onte estivo o ministro de Fomento anunciando diferentes tramos de autopistas noutros lugares como pode ser de Lugo a Santiago, sen embargo foi unha pena que non dixera absolutamente nada da autopista de Barreiros a San Ciprián, ou do arranxo integral e urxente que se necesita na N-642”.
Alfredo Llano declarou que “nosoutros imos seguir reclamando a mellora destas infraestruturas e a realización da autopista porque cremos que en xustiza A Mariña debe contar con estas infraestruturas o antes posible”.