A formación lamenta a actitude autoritaria do alcalde e denuncia que “votar en contra destas propostas é votar en contra da veciñanza”
O Vicedo, 31 de xullo de 2025. O Grupo Municipal Socialista do Vicedo denuncia a actitude autoritaria do goberno local, que rexeitou todas as mocións socialistas presentadas no pleno ordinario deste mércores. As iniciativas, centradas en servizos básicos como a prevención de incendios e o saneamento da auga, foron ignoradas polo PP: a primeira votada en contra e a segunda nin sequera chegou a debaterse, ao ser excluída da orde do día malia estar rexistrada en tempo e forma.
As propostas foron defendidas pola voceira Verónica Canoura, quen trasladou ao pleno as preocupacións recollidas directamente da veciñanza a través da campaña Escoitámosvos, coa que o grupo socialista percorre as parroquias do Vicedo para escoitar demandas, detectar necesidades e formular solucións reais.
Na sesión debateuse a proposta presentada polo PSdeG no pleno anterior para habilitar unha praia canina no municipio, que o PP deixara sobre a mesa para un suposto mellor estudo. Porén, nesta ocasión o alcalde votou en contra, alegando que a ordenanza municipal xa regula a presenza de cans nas praias e que, “a solución está na praia de Fomento”, incumprindo a Orden Reguladora do BOP nº 112 de fecha 19/05/2015, Art. 5. Punto 5.2.
Ante a resposta do alcalde, a voceira socialista solicitou que, cando menos, se instalase a cartelería pertinente para informar correctamente á veciñanza. O rexedor negouse, deixando claro que nin vai habilitar unha praia específica, nin vai sinalizar, nin vai modificar a ordenanza existente.
Canoura afirmou que “se hai unha ordenanza, haberá que cumprila. E se non se vai aprobar a nosa proposta, que polo menos se sinalice correctamente para informar á xente. ¿Ou para que está a normativa?”. A voceira tamén reprochou a incoherencia do alcalde ao manter a moción bloqueada no pleno anterior e agora rexeitala sen achegar alternativa real: “Se xa tiña decidido votar en contra, por que a deixou sobre a mesa?”.
A moción sobre a limpeza de parcelas próximas ás vivendas e das faixas secundarias de xestión de biomasa tamén foi rexeitada polo executivo local. O PSdeG lembra que solicitou por rexistro o plan municipal de prevención e defensa contra os incendios o pasado 14 de xullo, sen obter resposta nin acceso ao documento, nin por vía telemática nin durante a sesión plenaria. “Tiveron tempo máis que suficiente para entregalo. Preguntámonos se ese plan existe realmente no Concello do Vicedo”, denuncian.
No caso da moción para a mellora do saneamento, que propoñía un plan de actuacións para mellorar as infraestruturas nas parroquias e núcleos máis afectados do municipio, o goberno local decidiu non incluíla na orde do día. Segundo explican os socialistas, o alcalde respondeu que “se puido esperar ata agora, pode esperar dous meses máis”, o que evidencia a escasa vontade de afrontar un problema estrutural que afecta á saúde pública, ao medio ambiente e á calidade de vida.
Desde a agrupación lembran que estas mocións son peticións concretas recollidas a través da campaña Escoitámosvos. “Cando se vota en contra destas iniciativas, estase votando en contra das demandas que nos traslada directamente a veciñanza”, advirten. “Non é un non ao PSdeG, é un non aos todos os veciños”.
Outros asuntos trasladados nesta sesión foron o mantemento e reparación de beirarrúas (como as de Rosalía de Castro ou Folgueiro), a revisión da sinalización viaria en todas as parroquias, a instalación de papeleiras e baños públicos en puntos como a Praia de Xilloi ou a Casa da Cultura, ou o acondicionamento das rutas de sendeirismo e a promoción do Camiño do Mar. Tamén se propuxo estudar a creación dunha pista multideporte céntrica.
Na rolda de preguntas, o grupo solicitou información sobre a situación da luz pública conectada a vivendas particulares, o estado das pasarelas e estruturas de madeira nas praias, a planificación do alumeado, os danos na pista de pádel de Folgueiro, a rehabilitación das antigas escolas de varias parroquias (San Román do Val, Riobarba e Folgueiro) ou os proxectos de rede de saneamento desde 2001. Tamén se abordaron asuntos como a futura solución para o centro de día, o uso das instalacións municipais durante o Resurrection Fest, a coordinación ambiental cos concellos limítrofes ou a situación urbanística do PXOM, paralizado desde hai máis dunha década.
A agrupación socialista considera esencial seguir levando estas demandas ao pleno, malia que en moitos casos non se obteñan respostas claras nin compromisos por parte do goberno municipal. Neste sentido, denuncian a actitude do alcalde durante o desenvolvemento da sesión, na que houbo momentos nos que non se respectaron os tempos nin as quendas de intervención das concelleiras socialistas, dificultando o exercicio da súa labor como representantes públicas.
“Seguiremos traballando con responsabilidade, achegando propostas e representando con dignidade ás persoas que confían en nós”, afirman. O PSdeG do Vicedo agradece o apoio e os comentarios que continúa a recibir da veciñanza, e reitera o seu compromiso de traballar desde a escoita, a transparencia e a constancia, con propostas realistas e útiles para mellorar o día a día do municipio.



















A interrupción do servizo está prevista entre as 8.00 e as 19.00 horas con motivo dos traballos de conexión á nova obra de saneamento que se está a executar na contorna. Trátase dunha intervención necesaria para avanzar na mellora das infraestruturas e dos servizos básicos na zona.
No acto impuxéronlles o birrete e entregáronlles diploma e orla. Despois cantaron unha canción para as familias asistentes. Houbo moitos aplausos e algunhas lágrimas de emoción.
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, destacou o carácter participativo da iniciativa, organizada xunto á Xunta e co apoio do Concello. O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, puxo en valor o traballo colectivo e a implicación das novas xeracións. O concerto estivo dirixido por Maximino Zumalave, coa formación Hércules Brass e Rosa Aneiros como mantedora. Ademais, anunciouse que a próxima edición estará dedicada a Xosé Neira Vilas.
Trátase dun programa de actividades para a infancia e a mocidade que se desenvolverá en xullo e agosto con propostas educativas, deportivas e culturais pensadas para facilitar a conciliación familiar. A oferta inclúe ludoteca, talleres creativos e tecnolóxicos, deporte, contacontos e eventos comunitarios como o Mercado Infantil Solidario ou o Carnaval de Verano. As inscricións realizaranse do 1 ao 15 de xuño no Concello, con prioridade para menores empadroados. O programa reforza o compromiso municipal co apoio ás familias e cun verán activo e accesible para a mocidade do concello.
A comunidade educativa convida especialmente a antigos alumnos, mestres e familias a participar nesta xornada de reencontros e lembranzas.
A festa incorporou unha mesa doce decorada con temática de faros e unha sesión de coctelería dedicada á elaboración de vermús. As persoas asistentes recibiron ademais un detalle conmemorativo: unha botella de aceite de oliva virxe extra de Oleonavas, en homenaxe ás raíces familiares do propietario. O evento incluíu numerosos sorteos grazas á colaboración de diferentes empresas, con premios como comidas en O Noso Lar, na Bodega de Ana ou no Restaurante Nito, ademais de licores, paletillas e circuítos termais. Para esta ocasión preparouse tamén unha carta especial con táboas de carne e instalouse un mural conmemorativo no local. O establecemento agradeceu a fidelidade da clientela e o apoio da veciñanza ao longo desta década, fundamentais para acadar este aniversario tan significativo.
Tras máis de vinte anos dedicada ao debuxo científico, expón desde 2013 e a súa pintura, definida pola crítica como expresiva, colorista e próxima ao surrealismo, chegou xa a numerosos países europeos e americanos. 



