Burela, 2 de agosto de 2017. O BNG lamenta que a Delegación de Cultura do Concello de Burela programe determinado tipo de actuacións musicais que contribúen a dar normalidade a letras e expresións que deberían ser censuradas polo seu contido machista. O portavoz do BNG no concello, Mario Pillado, dixo que “as mulleres non son propiedade de ninguén”, en alusión a algunha das letras que soarán na proposta do Concello para este venres, dentro das actuación previstas para a Feira do Bonito de Burela e advertiu ao Sr. Díaz que “as institucións públicas deben promover outro tipo de manifestacións culturais nas que se repecte e se dea protagonismo á muller”.
O portavoz do BNG no concello, Mario Pillado, quixo deixar claro que non se trata dunha crítica a un estilo musical ou aos gustos persoais de ninguén, o que se pretende é facer unha chamada de atención ao Sr. Díaz para que se teñan en conta este tipo de cuestións á hora de elaborar a programación cultural e de lecer para Burela. Por outra banda, o voceiro nacionalista tamén cuestionou o custo que teñen moitos dos concertos e lembrou que o Concello é unha institución pública e non unha axencia de contratación de espectáculos. “Entendemos que a cultura hai que pagala, mais o Concello non pode cargar aos veciños e veciñas con todo o peso e debe financiar unha parte e mesmo a totalidade dalgúns concertos”, concluíu Pillado.