Mondoñedo, 08 de agosto de 2017 .- O Concello de Mondoñedo e a Axencia Galega de Doazón de Sangue e Órganos (ADOS) impulsan de novo a participación nas campañas de doazón de sangue para garantir o labor dos hospitais galegos, que precisan preto de 10.000 doazóns de sangue cada mes para atender a todos os doentes. Así, dende a administración local colaboran coa campaña #súmatedoasangue.
O verán é a época de maior dificultade para a doazón de sangue. Os enfermos ingresados nos hospitais galegos seguen a precisar a solidariedade dos veciños e veciñas. Con esta finalidade, dende o Concello distribuirase unha carta informativa.
Poden doar sangue as persoas entre 18 e 65 anos e que pesen máis de 50 quilos. Persoal sanitario revisará a saúde das persoas que se acheguen ata a unidade móbil de ADOS, antes de levar a cabo a doazón de sangue.
Martes 22 de agosto
A Unidade móbil de doazón de sangue estará o martes 22 de agosto na entrada da praza da Catedral, na baixada do Seminario, de 10:30 a 14:00 e 16:30 a 21:00 horas
Mondoñedo acadou en 2016 unha taxa de 29 doazóns por cada 1.000 habitantes e o obxectivo é incrementar a participación para tratar de acadar as cifras que recomenda a Organización Mundial da Saúde (40 a 60 doazóns por cada 1.000 habitantes).
Dende o Concello “queremos facer un agradecemento especial ás persoas que participan cada ano nas campañas de doazón de sangue. Grazas a este xesto solidario, os hospitais atenden aos enfermos de cancro e leucemia e levan a cabo, cada día, unha media de 2.700 urxencias, 500 intervencións cirúrxicas e 3 transplantes de órganos e tecidos. Neste verán os enfermos non toman vacacións e moitas persoas dependen deste xesto solidario para recuperar a saúde. Precisamos 10 minutos da túa vida para salvar a de outros”.