Mondoñedo, 02 de agosto de 2017 .- A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, presidiu hoxe o acto de presentación da XXVI edición do Mercado Medieval que, neste ano 2017, conta cunha programación reforzada con máis horas de actividades e cun maior número de postos de artesáns, ao redor de 160.
Durante o acto de presentación do programa desta 26 edición do Mercado Medieval, celebrado esta mañá na Praza da Catedral, a alcaldesa de Mondoñedo subliñou o atractivo e a transcendencia deste evento que “permite que a nosa cidade reviva con ilusión o seu pasado medieval”. A rexedora estivo acompañada do presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos; do xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez; e da xefa territorial de Cultura da Xunta de Galicia en Lugo, María José Gómez. Tamén interviron no acto de presentación do XXVI Mercado Medieval, o seu pregoeiro, José Ramón Montenegro Espina xunto ao presidente da ACIAM, Ángel Marful e a representantes da Asociación Pasatempo e de voluntarios que colaboran de xeito desinteresado na organización do Mercado.
A programación para esta anualidade do Mercado Medieval pon de manifesto o forte compromiso do Goberno local coa organización desta cita. “Tanto o Concello coma os veciños estamos a esforzarnos para que o mercado siga a medrar cada ano tal e como vén facendo”, explicou Candia, ao que engadiu que “os mindonienses e os visitantes e turistas poderán desfrutar os días 11, 12 e 13 de agosto dun Mercado Medieval que arrincará antes e rematará máis tarde”.
Unha programación ampliada
Durante a presentación, Elena Candia fixo fincapé na ampla variedade de actividades que inclúe a programación do mercado, “o que cada ano o fai máis atractivo para todos os que se achegan a Mondoñedo”, precisou.
“Reforzamos o venres con actuacións máis cedo”, matizou. Así, o día 11, o Mercado Medieval arrincará xa ás 20:00 horas coa actuación do Bruxo Queiman e Andrea Pousa na Praza da Catedral, á que lle seguirá unha escenificación histórica da época constitucional da cidade de Mondoñedo e unha queimada, entre outras actividades. A xornada do venres, finalizará cunha actuación musical a cargo do Grupo Mondrum (Batuka).
Xa o sábado 12, día do turista, dende as once horas, os postos abriranse ao público, celebrándose o pregón ás doce horas. O día estará cheo de actuacións musicais, exhibicións de cetrería, títeres, esgrima, tiro con arco, escenificacións, xunto a outras moitas actividades que se desenvolverán por todas as rúas da localidade e que ambientarán o casco histórico da cidade.
Entre os actos máis destacados, dentro dunha programación completa e diversa, Candia citou o gran torneo medieval, que terá lugar o sábado e o domingo ás oito da tarde no campo de fútbol do Seminario e contará con especialistas en hípica celta e música ao vivo.
O domingo continuarán os postos dende as once da mañá e as variadas actividades, que nesta edición prolongaranse ata máis entrada a noite, xa que o peche da XXVI edición do Mercado Medieval terá lugar ás once da noite, con actuacións do Bruxo Queimán e a voz de Andrea Pousa xunto a un espectáculo de luz na fachada da Catedral.
Os nenos tamén serán protagonistas no Mercado Medieval. Ademais de manter aberto o campamento o sábado e o domingo, o Goberno local incorpora o recuncho infantil con actividades pensadas especificamente para todos os nenos e nenas no Parque infantil xunto ao Seminario.
Máis postos
De igual xeito, a rexedora destacou o incremento do número de postos de artesáns cos que contará o Mercado Medieval este ano. “Ao redor de 160 postos, que transforman Mondoñedo nunha cidade do medievo durante tres días”, destacou.
Elena Candia precisou que moitos dos participantes son artesáns que xa coñecen a feira de anteriores edicións repetindo experiencia máis do 80%, segundo as súas propias palabras, por ser un mercado “acolledor, organizado polo propio Concello e voluntarios e celebrado nun contexto único”, unha cidade declarada conxunto histórico artístico que se presenta como marco inmellorable da festa.
Agradecemento e transcendencia do Mercado Medieval
A rexedora aproveitou a súa intervención para agradecer o traballo de todas as asociacións implicadas no Mercado Medieval; entre as que se atopan os Amigos do Mercado, a ACIAM e a Asociación Cultural O Pasatempo. “Entre todos os amigos e amigas do mercado medieval que ano tras ano colaboran e traballan de xeito desinteresado na súa organización, conseguimos unha volta ao medievo rúa a rúa que cada vez atrapa a máis visitantes”, remarcou.
Por último, durante a presentación, a alcaldesa tamén puxo de relevo a transcendencia deste evento. “Cada ano aumenta o número de visitantes que veñen a Mondoñedo durante o Mercado Medieval”, engadiu.