Burela, a 30 de agosto de 2017.- “Burela bonita ‘presume’ de abundancia de roedores e sumidoiros sen limpar, como podemos constar nestes últimos días”, aseguran desde o Grupo Municipal Popular burelés.
Segundo explican “nestes días pasados un bo número de veciños e veciñas constataron en distintos puntos de Burela a presenza de roedores, o que significa que non se está facendo nada en desratización e, no caso de facerse algo, o que se fai non serve para nada”.
Ao mesmo tempo, indican que “nas rúas máis sensibles no caso de producirse treboadas, os sumidoiros están sen limpar, co conseguinte risco de que se produzan inundacións ou situacións complicadas para os veciños e os establecementos comerciais. Outros anos, a estas alturas, os sumidoiros estaban limpos ou rematándose coa súa limpeza, xa que esta é fundamental para minimizar os efectos das treboadas”.
Ademais, os edís populares afirman que “a prometida limpeza con auga a presión das beirarrúas xa está tardando, xa que o alcalde dixo que sería unha das primeiras cousas que se farían e non se fixo. Desde o día 1 de abril, cando comezou a traballar a nova empresa fíxose un lixeiro baldeo e nada máis”.
Desde o GMP conclúen que “tal e como vimos advertindo desde a primeira semana de abril, non hai ningunha mellora nin na recollida de lixo nin na limpeza viaria. Máis ben ao contrario, a situación se fai máis complexa, os problemas agudízanse e as solucións tardan en chegar. Todo o que se nos dixo que se melloraría era todo unha creación fantasiosa dunha persoa, o alcalde, que unicamente deixa de mentir cando está calado”.
Finalmente, os populares expresan un desexo: “que ao alcalde lle dea, aínda que só sexa unha única vez, unha arroutada para traballar, e solucione os problemas que hai xerados coa limpeza viaria e a recollida de lixo. Por desgraza, somos conscientes de que estamos pedindo un imposible”.