Ribadeo, 29 de agosto de 2017. Os asistentes ao VI Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, que se celebra desde onte en Ribadeo, participan esta tarde en talleres de soldadura, climatización, son, tecnoloxía aplicada ao automóbil-multimedia e car audio e equipos didácticos Leybold. Pola mañá tiveron lugar tres charlas impartidas por representantes das empresas Bosch España, Maxipot Ibérica SL e Carburos Metálicos SA, que abordaron asuntos como Rede de a bordo en vehículos actuais, Tecnoloxía aplicada ao automóbil e Seguridade e manexo de gases.
Mañá, mércores, será o momento para escoitar a empresas como ZP Services España SLU ou Shaeffler Ibérica SLU, ademáis de a Paul Gliet, profesor de FP en Alemaña, que falará do fracaso e o abandono escolar no seu país. Tamén seguirán os talleres de climatización e soldadura e terá lugar un de impresión en 3D, que é unha das novidades deste ano. Xa a partir das 19:30 horas Apaga presentará os resultados dos proxectos europeos desenvolvidos no curso 2016-2017 e o aprobado na convocatoria deste ano, denominado Mellorando as aptitudes e competencias claves na FP. E ás 20:30 horas celebrarase unha asemblea xeral de Apaga.
O VI Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, que seguirá nas instalacións do hotel O Cabazo ata o vindeiro xoves, está organizado pola Asociación de Profesores de Automoción de Galicia.