Burela, 25 de agosto de 2017. O vindeiro mércores, 30 de agosto, estará en Burela o xefe da sección de obras de Augas de Galicia, Juan Álvarez de Gabriel, para seguir avanzando na construción da nova EDAR. O alcalde, Alfredo Llano, salienta que a nova instalación dará servizo a unhas 14.000 persoas e que é moi necesaria a súa posta en marcha.
O alcalde burelés dixo que “é certo que cada vez faise máis necesaria unha nova EDAR que estea baseada en principios de funcionamento biolóxicos máis que mecánicos ou químicos, e polo tanto o que pretendemos é ir dando os pasos decisivos para que esta nova EDAR sexa unha realidade o antes posible”.
Alfredo Llano anunciou que “o vindeiro mércores iremos xunto ao xefe da sección de obras de Augas de Galicia, Juan Álvarez de Gabriel, ata onde se pretende instalar nos terreos do porto para ver as dimensións e ir pouco a pouco facilitando que isto sexa o antes posible un proxecto xa realizado”.
O rexedor contou que “nos pediron unha serie de datos que consideramos moi importantes para que teñan en conta como son caudais que se están derivando dende diferentes sitios de Burela. Xa temos todo o que nos pediron e polo tanto imos intentar favorecer en todo canto sexa posible para darlle celeridade á construción desta nova EDAR”.
Llano explicou que “en principio estará dimensionada para uns 14.000 habitantes, que sería suficiente para atender as necesidades de Burela, e estaría baseada nunha tecnoloxía de baixo mantemento pensado para que dure, que contamine o menos posible e que sexa moi efectiva. Canto antes se faga mellor porque a realidade é que agora mesmo a EDAR que temos non dá atendido as necesidades que precisa o pobo de Burela”.