Mondoñedo, 28 de novembro de 2017. O grupo municipal do BNG denuncia deficiencias e abandono en varios puntos da cidade.
1º- Un tramo da antiga N-634, entre a Travesía de Carlos Folgueira e a avenida das San Lucas, leva varios días con problemas no alumeado público. Segundo o grupo nacionalista este é un servizo básico que compre arranxar, “hai uns vinte puntos de luz que non funcionan e que deixan todo o tramo as escuras”.
2º- As obras de arranxo da beirarrúa da antiga N-634 á altura de San Lázaro non están sinalizados nin balizados. Os veciños e veciñas da zona quéixanse de que ademais de ser unha zona na que pola noite hai pouca luz, faise moi perigoso camiñar debido aos obstáculos que hai no solo a causa das obras.
3º- Excrementos de cans nas beirarrúas da cidade. Para o portavoz Nacionalista, Eloi Cabanas, esta situación repítese en moitas rúas do casco, ”estas rúas son estreitas e faise moi difícil camiñar ou levar un carro de bebé sen pisar unha desas feces” e creen que a regularidade coa que pasan os servizos de limpeza non é suficiente e que o concello, por medio da Policía Local, debería ser máis exhaustivo á hora de sancionar aos propietarios dos cans que non recollen os excrementos do chan.
4º- Mala imaxe das canles do Barrio dos Muíños. O BNG pide que se limpen de maleza as canles para corrixir o aspecto de abandono que presentan. O voceiro nacionalista declara que esta situación foi denunciada en varias ocasións polo grupo do BNG e que o goberno de Elena Candia non é capaz de solucionar xa que segundo o edil nacionalista “isto non se soluciona limpando as canles só unha vez ao ano”.
Para o BNG, “non é de recibo” que o goberno de Elena Candia pida a colaboración e a implicación de todos os cidadáns mindonienses, para que Mondoñedo sexa incluído dentro de “Los Pueblos más bonitos de España”, e logo que o goberno non sexa capaz de dar exemplo mantendo os espazos públicos nun estado decente e nas debidas condicións de limpeza que merecen veciños, veciñas e visitantes da cidade.