Cervo, 26 de decembro de 2017.- A Xunta de Goberno Local do Concello de Cervo aprobou hoxe o prego de licitación do Centro de Día Residencia (CDR). Por unha banda, aprobouse o expediente de contratación que vai ser en réxime concesional por procedemento aberto; e por outra, os pregos de cláusulas de administración particulares e de prescricións técnicas que van ser os que rixan o contrato de xestión do servizo de atención residencial e centro de día.
Tal e como recordou o rexedor, Alfonso Villares, o Centro, de propiedade municipal, contará con 54 prazas de residencia e 25 de centro de día.
Por outra banda, o orzamento de licitación ascende a 2.437.776 euros que se corresponden coa xestión deste Centro de Día Residencia por un período de dous anos. Tal e como apuntou Villares “cremos que é un prazo razoable que nos vai permitir corrixir, se fose o caso, calquera cuestión ou irrregularidade que consideremos pasado ese tempo; ou incluso prorrogar o contrato á mesma concesionaria”.
En canto aos criterios de licitación, e en resume; vanse avaliar por unha banda os criterios estritamente económicos, con 60 puntos; e outros criterios como a metodoloxía de intervención, o programa de traballo, o proxecto de explotación ou o plan de formación continua aos traballadores, con 40 puntos.
O prego vaise enviar a publicar no B.O.P. por vía urxente, e a estimación é que estea en exposición pública antes de que remate o ano, ousexa esta mesma semana. A partir de ahí as empresas teñen 15 días naturais para presentar as súas ofertas.
O seguinte paso e ver os diferentes expedientes e adxudicar a concesionaria; “polo que a nosa estimación é que antes de mediados de ano o Centro de Día Residencia do Concello de Cervo estea en pleno funcionamento”.