Burela, 31 de xaneiro de 2018. O concelleiro de Turismo de Burela, Ramiro Fernández Rey, asistiu hoxe á inauguración de Xantar, en Ourense. Alí mantivo unha xuntanza co responsable de Turismo da Deputación de Lugo, Eduardo Vidal Baamonde, para abordar cuestións como a posible presenza de Burela na feira de turismo Intur, que se celebra en Valladolid a finais de ano. O concelleiro de Turismo tamén se reuniu con responsables Turexpo, de Silleda “para empezar a planificar a nosa presenza nesta feira. Xa estivemos o ano pasado e foi todo un éxito”.
Fernández Rey declarou que “temos presenza na feira Xantar, en Ourense, para facer promoción do bonito de Burela e das excelencias turísticas do concello. Tamén tivemos unha xuntanza co delegado de Turismo da Deputación Provincial, Eduardo Vidal Baamonde, que aproveitando que estábamos alí tivemos unha conversa para falar de temas que tíñamos pendentes”
O edil burelés adiantou que “este ano vamos intentar que Burela estea tamén na feira de turismo INTUR, en Valladolid, que é unha das feiras máis importantes que hai en España. Co apoio da Deputación intentaremos estar alí”.
E sobre Xantar engadiu que “a feira coa degustación está sendo un éxito, o bonito é un produto de reclamo importante para o stand. Iremos vendo como evolucionan as visitas nestes días de feira para facer un balance final ao remate da mesma. Ademais na feira estamos presentando oficialmente uns vídeos que fixemos de promoción de Burela, que van en torno á feira do bonito, á carreira nocturna e a proba de descenso en bicicleta que houbo no Monte Castelo. Están tendo moi boa acollida. E estamos aproveitando tamén para difundir os vídeos das rutas xeolóxicas, que presentamos hai pouco en Burela”.
Ramiro Fernández Rey tamén mantivo conversas con Turexpo, de Silleda, para planificar a presenza de Burela neste evento feiral.