Burela, 22 de febreiro de 2018. O Concello xa rematou a instalación dun novo enrexado e sumidoiro na rúa de O Río, que poñerá fin ás posibles inundacións que se poidan producir en días de moita choiva na intersección desta vía con Arcadio Pardiñas. O Concello está á espera de recibir unha nova trituradora para a Edar, que tamén contribuirá a mellorar esta situación.
O alcalde, Alfredo Llano, anunciou que “xa rematamos a obra na rúa do Río da colocación dun sumidoiro. Penso que é unha solución moi válida para que non existan riscos de inundacións cando chova moito en Burela. Era unha zona facilmente inundable na baixada da rúa do Río que enlazaba con Arcadio Pardiñas. Para evitar estas inundacións que se viñan producindo, colocouse este enrexado, que é un bo sumidoiro e vai directamente ao río”.
O rexedor detallou que “se cambiou a tubaxe que había que era moi pequena, de 1´10 pasou a 1´50, o que vai favorecer que flúa a auga rapidamente e desaugue inmediatamente. Este era un compromiso que tíñamos. Era algo que queríamos facer”.
Llano dixo que “agora xa está rematada a obra. Iso si, hai que agardar uns días para que seque e poida servir para pasar os coches por encima. Era un compromiso que tíñamos adquirido e consideramos que con esta obra imos polo menos solucionar parte do problema cando suceda”.
O alcalde burelés manifestou que “dende fai unha tempada, a base de limpar os sumidoiros, as canalizacións, etc…, aínda que choveu moito este inverno en Burela, non houbo grandes problemas de inundacións. Tivemos algún destes problemas no porto, pero fóronse solucionando”.
O rexedor contou que “no porto, tamén pensando cando se satura derivado da grande cantidade de auga que se está acumulando ás veces na Edar, que entra en carga, para solucionar ese problema xa está encargada e colocarase en breve, posiblemente a finais deste mes ou a primeiros do mes de marzo, unha nova trituradora”.
Alfredo Llano lembrou que “na Edar que está agora en funcionamento hai unha soa trituradora, e imos colocar outra para que complemente esta que hai, e entre as dúas facilitar a fluidez dos residuos cando veñen alí, para que non se acumule excesivamente, entre en carga e teña que reventar as tapas dos sumidoiros”.
O alcalde subliñou que “é algo que estamos acometendo con rigor e eficacia, que se está facendo da mellor maneira posible todo o de evitar as inundacións en Burela, e tamén estamos traballando duro para que a nova Edar sexa unha realidade o antes posible. Con esa solución estou seguro que a repercusión das inundacións e da contaminación no noso concello serían moi reducidas”.