Cervo, 1 de marzo de 2018.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, viaxou esta mañá a Madrid para presidir a Comisión Nacional de Medio Ambiente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).
Villares destacou que na orde do día desta Comisión abordáronse diferentes cuestións, todas elas de suma importancia para o municipalismo, “e que van na liña de promover e fomentar políticas que teñan o menor impacto ambiental posible”.
O presidente da Comisión de Medio Ambiente apuntou así mesmo que “tamén subscribimos convenios por valor de máis de 250.000 con entidades como Ecoembes ou Sedigas, que teñen por obxecto establecer liñas de actuación que camiñan na mesma dirección que marcamos desde esta sección da FEMP; todas elas en consonancia co medio ambiente”.
Villares quixo explicar os acordos polo miúdo; sinalando que con Ecoembes establécense dúas liñas de actuación “un primeiro acordo que ascende a 125.000 euros e que ten obxecto a colaboración institucional para fomentar a mellora da xestión de residuos urbanos, especialmente de envases; e avanzar no reforzo da viabilidade económica, social e ambiental da súa xestión”.
As liñas de colaboración prioritarias entre ambas entidades para o ano 2018 serán as seguintes:
•Comunicación sobre recollida selectiva e reciclado de residuos de envases
•Actuacións de fomento da xestión eficiente dos residuos
•Actuacións específicas de formación de técnicos e responsables municipais
•Desenvolvemento de accións para a mellora da información posta a disposición dos veciños
•Actuacións para a innovación local e desenvolvemento sostible
A segunda liña de colaboración, moito máis específica –engadiu Villares- “vai encamiñada ao desenvolvemento de Estratexias Locais de Economía Circular nas Entidades Locais, e para esta actuación o acordo ascende a 100.600 euros, “desde o municipalismo somos conscientes de que non podemos pasar por alto esta oportunidade de actuar e colaborar no que consideramos que debe ser o futuro”.
O rexedor tamén quixo destacar un segundo convenio subscrito entre a Comisión de Medio Ambiente e Sedigas que é superior aos 30.000 euros, e que está dirixido a “fomentar o desenvolvemento sostible nas cidades e, en particular, o desenvolvemento da cooperación institucional para incidir na mellora da calidade do aire e a capacitación dos responsables municipais no ámbito da sustentabilidade””.
