Ribadeo, 26 de marzo de 2018. No Concello terá lugar este martes, día 27, ás 20:30 horas, un pleno ordinario cun marcado carácter económico. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, subliña que o 2017 rematou cun remanente positivo de tesourería de 1.500.000 euros, e que está a espera de coñecer os límites do Estado para establecer investimentos con cargo ao superávit que ten este Concello. O rexedor di que Ribadeo pronto amortizará dous dos tres préstamos vivos que ten na actualidade, e que a débeda cos bancos será de menos de 300.000 euros nun breve prazo de tempo.
Suárez Barcia explicou que “neste pleno ordinario que imos celebrar mañá, moitos dos seus puntos teñen un marcado carácter económico por parte do Concello, destacando esta dación de conta do plan orzamentario a medio prazo, 2019-2021, estes requerimentos aos que obriga Europa, as previsións de como temos pensado cumprir coa lei de estabilidade orzamentaria”. O alcalde relatou: “a verdade é que todos os datos que vimos tendo nestes últimos anos, non soamente este que acabamos de pasar 2017 senón nestes últimos, convidan a ter un moderado optimismo. Na liquidación do orzamento do ano pasado temos un remanente de tesourería acumulado dun millón e medio de euros, é dicir, se descontamos todas as obrigas e todos os gatos, se lle descontamos todos os ingresos e aquelas outras partidas pendentes de cobro, resulta un saldo positivo para o Concello de 1´5 millóns de euros. Incluso na liquidez do día a día se manifesta en que ao pechar o exercicio 2017 témolo con 1 millón de euros nas contas bancarias. Non quere dicir que isto significa que somos moi avaros e rácanos e non queremos gastar ese millón en inversións, gustaríanos moito pero estamos agardando a aprobación e a publicación deste Real Decreto Lei que nos vai fixar, para todos os concellos, os límites que nos van marcar para reinvestir a capacidade de financiamento que poidan ter concellos, como o noso, que teñen superávit e remanente positivo”.
O rexedor declarou que “o período medio de pagamento a provedores agora está en mínimos históricos, estamos a falar de practicamente un día desde que se aproban as facturas, que hai trinta días para facer esa operación. É certo que pode haber alguén que diga a miña subvención ou á miña asociación tardan moito máis, nestes casos estas demoras non son por falta de liquidez ou por falta de fondos, son por determinadas tramitacións que cada día o interventor e a área económica do Concello requiren máis papeleos ou máis achegas que ás veces as asociacións non traen correctamente e por iso hai algunhas demoras, que con todo estamos contribuíndo a ir limando día a día”.
Suárez Barcia engadiu: “tendo esta estabilidade orzamentaria, tíñamos un plan económico financeiro desde o 2015 ao 2017, e como tíñamos agora superávit económico, xa non temos que volver facer un novo plan de axuste económico. Este ano sairemos del e amortizaremos dous dos tres préstamos que temos aínda vivos, co cal dentro de moi pouco poderemos dicir que ao Concello de Ribadeo lle quedará menos de 300.000 euros de débeda viva coas entidades bancarias, algo que é ridículo contando con que hai máis ou menos dez anos esta cifra podía ser 5 ou 6 millóns de euros. A circunstancia para Ribadeo mudou, encaramos moito mellor o futuro, tampouco quere dicir que isto sexa unha república onde hai petróleo nin moito menos, temos que facer fronte a moitos desafíos importantes como a residencia nova, mellorar a residencia vella, infraestruturas de comunicación tanto na vila como nas parroquias, e moitas máis necesidades, pero que nos fan encarar todo isto con positivismo”.
Fernando Suárez agarda que “as outras administracións do Estado, da Xunta e da Deputación, aínda que esta sempre se porta moi ben, dean tamén o seu impulso necesario para complementar os recursos económicos municipais”.
Modificación da ordenanza do IBI
O rexedor ribadense contou ademais que “outro dos puntos que vai a este pleno ordinario é a modificación da ordenanza do IBI, do imposto de bens e inmobles, porque hai que ter en conta que o 30 de decembro do ano pasado saíu no Boletín Oficial do Estado o índice de actualización de valores catastrais, e para Ribadeo incrementábase nun 8%. Como a lei tamén permitía poder compensar esta suba ata o 1 de marzo de 2018, no pleno de xaneiro fomos extremadamente dilixentes desde que saíu aprobado no BOE e aprobamos nós reducir esta porcentaxe para que todo seguira igual. A circunstancia negativa de todo isto é que no devir administrativo da administración pública, entre mandalo ao boletín, publicalo no BOP, que non depende de nós, e todo o tempo de exposición pública, non entrou en vigor a tempo, é dicir non entrou en vigor para o 1 de marzo. Polo tanto este ano 2018, aínda que a Corporación Municipal quixo non subir a contribución, vai subir no 8%”.
Fernando Suárez engadiu que “para compensar esta situación imos aprobar e acordar neste pleno de marzo de 2018 que para o ano que ven non se baixe un 8% senón un 16%, o dobre exactamente, para que todo quede igual e a suba deste ano se compense coa baixada do ano que ven de maneira dobre, para a partir de aí, nos exercicios de 2020 en diante, mantelo como se nada tivera pasado. Fomos desde o goberno municipal moi dilixentes para que esta suba non tivera efectos, pero as circunstancias administrativas de boletíns, publicacións, etc… que non están nas nosas mans, impedírono. Polo tanto, como si están nas nosas mans baixamos o dobre o ano que ven para que en definitiva todo quede igual”.