Foz, 1 de marzo de 2018. O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, fai unha valoración moi positiva do funcionamento da Escola Municipal de Música. Tras a reunión da comisión de seguimento do centro celebrada onte o rexedor focense subliña que se conseguiu a ampliación das súas instalacións grazas a cesión por parte da Xunta de Galicia do local da antiga cafetería da Casa do Mar.
“Desde o equipo de goberno facemos unha valoración moi positiva da reunión celebrada onte da comisión de seguimento da Escola de Música de Foz. A verdade é que sempre é moi interesante escoitar non só a opinión de todos os portavoces dos grupos políticos senón tamén a do propio director da Escola de Música e a dos representantes de pais e nais dos alumnos”, comentou rexedor municipal.
O alcalde explica que “o que se fixo primeiramente foi unha valoración desde a última reunión. Esa valoración é moi positiva porque se conseguiron a maioría dos obxectivos daquela reunión, que especialmente era incrementar o número de horas e ao final transformáronse en que houbo vinte alumnos máis con respecto ao ano pasado, de 160 pasamos a 180”.
Javier Castiñeira salienta ademais que “se conseguiu que se iniciase o curso a primeiros do mes de outubro, dado que se estableceu un protocolo necesario de prematrículas que ao final acabou funcionando. Ademais conséguese a ampliación efectiva de espazo posto que vimos de recibir hai pouco a notificación da Xunta de Galicia de que nos ceden un espazo de 200 metros cadrados onde era a antiga cafetería da Casa do Mar para fins sociais, que nosoutros entendemos que son perfectamente compatibles cos usos da Escola de Música e da Banda Municipal, que ampliarán as instalacións dunha forma importante”.
O rexedor lembra que as dependencias do centro “xa se ampliaran hai un ano con eses 40 metros na primeira planta e supón unha transformación da Escola de Música, que hai catro anos estaba metida única e exclusivamente nun pequeno local no colexio Número 1”.
Castiñeira insiste en que “a valoración deste ano transcorrido é moi positiva e as previsións de futuro son seguir incrementando os servizos da Escola de Música e aumentar dalgunha forma tamén a autonomía orzamentaria do centro; nese compromiso estamos e sobre todo tamén para tratar de externalizar os resultados da Escola de Música non só cara ao propio pobo senón que todas as agrupacións que nacen arredor da música no noso concello poidan tamén ter diferentes alternativas e outros concertos fóra do noso concello”.
O alcalde subliña que “é un bo momento para a Escola de Música, así o reflexa o resultado desta última comisión de seguimento da Escola de Música. Esa é a liña a seguir, na que estamos de acordo por unanimidade todos os grupos da corporación. Polo tanto, contentos posto que a realidade da Escola de Música é esa: máis persoas, máis espazo e mellores resultados”.