Burela, 26 de marzo de 2018.- O Grupo Municipal do PP de Burela presentará unha moción a debatir no Pleno ordinario a celebrar o dous de abril, a través da que solicita unha regulamentación dos ingresos por venda de entradas e pagos dos espectáculos e eventos de todo tipo organizados directamente polo Concello.
Na moción piden que o alcalde proceda no prazo de tres meses a presentar ante o Pleno unha ordenanza ou regulamento no que se establezan os cauces, documentos e demais requisitos para garantir a trazabilidade dos cartos que se recauden da venda de entradas para espectáculos culturais ou de outra índole organizados polo Concello, así como dos pagos que se efectúen, quedando limitada a venda de entradas ás plataformas dixitais ou a dependencias municipais.
Sen reposta
Os populares solicitaron o pasado día catorce por escrito, e a través do rexistro municipal, “documentación acreditativa da recadación da venda de entradas nos distintos puntos de venda (incluidas as plataformas dixitais), documentación acreditativa da trazabilidade da recadación nos puntos de venda ubicados na Biblioteca e en determinado local de hostalería, e de pago referida a cinco eventos celebrados na Casa da Cultura desde principios de ano ata o 11 de marzo, para os que se venderon entradas. A día de hoxe, e doce días despois, non tiveron ningún tipo de resposta, co que deducen que “non hai ningún documento que garanta a trazabilidade dos cartos recadados e dos pagos efectuados con cargo á venda de entradas; de aí que presentamos esta moción”, destacan.
Para o GMP, o Concello ten a obriga de regulamentar a trazabilidade dos cartos. “Deben concretarse claramente os puntos de venda, que deben ser as plataformas dixitais ou dependencias municipais e en ningún caso deben ser establecementos de hostalería ou comerciais (en concellos nos que se organizan actos con venda de entradas, ésta non se produce en establecementos alleos ao concello). Deben xenerarse documentos para acreditar realmente o número de entradas vendidas, cartos recadados, pagos efectuados cos mesmos, etc., de xeito e maneira que tales documentos vaian asinados polo persoal municipal. E se non se fai, o alcalde e os seus compañeiros socialistas están dando pé a que alguén pense o que non debe e saque conclusións erróneas”, remarcan.
Os populares lembran que “con motivo do fallido concerto dos djs na Festa do Bonito” xa pediron documentación sobre os fondos ingresados por venda de entradas e se lles contestou cun informe do concelleiro de Cultura que non aclaraba nada, “máis ben enmarañaba as cousas”, afirman. Por iso, “chegados a este punto, e visto que en dous meses xa van cinco actos con venda de entradas, entendemos que estas cousas deben regulamentarse debidamente, e eso é competencia directa do alcalde. Os cartos que pagan os cidadáns que asisten aos eventos que organiza o Concello deben estar controlados legal e documentalmente en todo momento, e neste preciso momento entendemos que non o están”, afirman.