Ribadeo, 12 de abril de 2018. O alcalde, Fernando Suárez, amósase molesto pola actuación que o Ministerio de Fomento está a realizar na N-642, entre Ribadeo e Porto, porque só se están a tapar as fochancas, e non todas, nesa estrada que é moi empregada polos veciños e veciñas que se desprazan a Vegadeo, á Pontenova, a Meira ou a Lugo. Suárez Barcia subliña que o Ministerio de Fomento ten moi esquecido Ribadeo, e lembra que a Ponte dos Santos segue sen luz, que o único que se fai na A-8 é tapar as continuas fochancas que se forman nesa vía, e que aínda están pendentes un acceso a Ribadeo desde esta autovía e outro desde a circunvalación. O alcalde pídelles “a eses deputadiños do PP” que en lugar de xestionar baches xestionen o que o Concello pediu por unanimidade con dereito e coa razón.
Fernando Suárez quixo hoxe “poñer de manifesto o desgusto do Concello de Ribadeo con esta actuación que está facendo o Ministerio de Fomento no senso de amañar parcialmente a estrada tan frecuentada N-642, entre Ribadeo e Porto, que dá servizo a moita xente que vai para Lugo pola estrada vella de Meira ou mesmo para A Veiga, para esta parte de Asturias occidental. A nosa sorpresa e o noso desgusto é porque hai varios meses, de maneira unánime, o Concello de Ribadeo pediulle ao Ministerio de Fomento que fixera o mesmo que fixo hai pouco tempo coa estrada desde Porto ata Lugo, que está moi ben amañada, moi ben aglomerada, en todo o seu ancho e en toda a súa extensión”.
O rexedor ribadense contou que “a nosa sorpresa é ao ver que agora toda esta parte da N-642, aquí debemos ser uns cidadáns de segunda, non debemos ter os mesmos dereitos que os outros veciños da provincia de Lugo, porque a nosoutros soamente nos tapan os baches máis grandes. Por exemplo para ir cara A Veiga nalgúns tramos os amañan, pero para vir da Veiga para Ribadeo non. Ademais molesta sobre maneira ver as actitudes destes lacayiños do PP, destes deputadiños, que parece ser que teñen moi pouco que facer no Parlamento galego, e andan xustificando que grazas a eles viñeron as máquinas tapar os baches, que isto se fixo polas súas xestións, e que ao mesmo tempo é unha primeira fase que algún día, será cando chova para arriba, se aglomerará de maneira enteira, cousa que me parece que non vai ser así”.
O alcalde de Ribadeo declarou que “a actitude que está mostrando o goberno do Estado con Ribadeo en moitos aspectos, e singularmente neste das infraestruturas, parece que aquí nesta esquina do norte da provincia de Lugo, lindando con Asturias, estamos un pouquiño esquecidos por parte do Ministerio de Fomento. Nin lles dá a gana de poñer a luz na Ponte dos Santos, seguen rebacheando a autovía A-8 como se fora no século XIX ao seu paso por Ribadeo porque segue habendo baches, o terceiro acceso da circunvalación que no seu momento se ía licitar suspendeuse e nunca máis se quixo facer, o terceiro acceso a Ribadeo desde a autovía segue pendente, a pesar de que o Congreso dos Deputados, a unha proposta do BNG de hai varios anos, votara unanimemente, e tantas e tantas outras cousas”.
Suárez Barcia pídelle “por favor estes deputadiños, lacayiños, que en vez de xestionar uns baches, que intenten xestionar o que o Concello de Ribadeo, de maneira unánime en todos estes casos, lle estivo pedindo con dereito e coa razón, e porque ademais non queremos ser máis que todos os nosos veciños, pero tampouco queremos ser menos”.




















As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O percorrido comeza nun lugar simbólico: as pontes sobre o río Sor, que unen as provincias da Coruña e Lugo e marcan un dos vértices do territorio lucense. Con esta iniciativa, Guido Guía propón unha travesía pola diversidade paisaxística, histórica e humana da provincia, destacando a riqueza dos seus espazos naturais, monumentos e comunidades.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.
A cita será o luns 19 de outubro, ás 17:30 horas, cun punto de encontro no peirao de San Cibrao. Ademais, os diferentes edificios municipais iluminaranse de cor rosa para sensibilizar á poboación sobre a importancia da detección precoz, fundamental para mellorar o prognóstico e a supervivencia das pacientes que padecen esta enfermidade.
O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
No encontro, abordáronse temas como a posibilidade de colaborar na mellora da formación dos traballadores, destacando a importancia que ten ese aspecto neste sector estratéxico para Galicia. Tamén se trocaron puntos de vista relativos ás condicións laborais dos profesionais do mar.



