Lugo, 9 de maio de 2018.- Ao longo de 2017 os lucenses reciclaron 4.805 toneladas de vidro, o que deixa a media en 14,4 quilos de material por cada habitante, segundo os datos da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e Ecovidrio -a entidade sen ánimo de lucro que se encarga da reciclaxe de vidro en España-.
Deste montante total, a Mariña entregou máis da terceira parte, en concreto o 36%, que en cifras totais supoñen 1.729 toneladas de vidro depositadas nos 562 contedores distribuídos polos concellos da comarca.
Co obxectivo de facilitar a colaboración cidadá, ao longo do pasado ano incrementouse en case un 5% o número de contedores na Mariña, de forma que a media de contenerización sitúase en 1 colector por cada 127 habitantes, mellorando tanto a media galega (1 por cada 177 habitantes) como a provincial (1 por cada 149 habitantes).
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que no conxunto da provincia as cifras móvense en parámetros similares ás do ano anterior, sendo Lugo a terceira provincia galega en volume total de vidro reciclado pero a cuarta no que respecta á media por habitante. Na comunidade, cada galego reciclou 16,1 kg de residuos de envases de vidro, un quilo más que no ano anterior, sumando en total máis de 43.000 toneladas recicladas.
Balseiro gabou o esforzo dos cidadáns, que “cada vez están máis concienciados da necesidade de separar e reciclar os residuos, e con ese xesto contribúen a construír unha sociedade máis sostible dende o punto de vista económico e medioambiental”.
O peso da hostalería
O delegado engadiu que a reciclaxe de vidro é un elemento clave na loita contra o cambio climático e que a hostalería é un sector vital para mellorar os resultados, xa que xera un 50% dos envases de vidro dun só uso que se poñen no mercado. Neste sentido, explicou que a campaña de recollida porta a porta para establecementos de hostalería posta en marcha o ano pasado está a ter moi bos resultados entre o colectivo.
Ademais, o pasado mes de febreiro Medio Ambiente e Ecovidrio puxeron en marcha a campaña EtiDeQuenVesSendo, coa que se pretende incrementar en case un 30% a taxa de reciclaxe na comunidade con respecto á cifra de 2015. Esta iniciativa, que conta coa colaboración de Fernando Romay en calidade de embaixador, presta unha atención especial ao sector da hostalería, estando previstas visitas a medio centenar de establecementos con formadores de Ecovidrio, para explicarlles os beneficios ambientais da reciclaxe e darlles pautas para facelo correctamente.
As máis de 43.000 toneladas de vidro recicladas en Galicia evitaron a emisión de máis de 30.000 toneladas de CO2, o que equivalería a retirar case 7.500 coches das estradas ao longo dun ano; aforrar máis de 100.000 MWh de enerxía na fabricación de novos envases de vidro e evitar a extracción de case 55.000 toneladas de materia primas da natureza, equivalentes a cinco veces o peso da Torre Eiffel.