Burela, 8 de maio de 2018. O alcalde, Alfredo Llano, mostra a súa satisfacción polas bandeiras azuis que veñen de recibir os areais de A Marosa, Ril e O Portelo, o centro Gaia, o barco museo e a ruta polo litoral burelés. O rexedor salientou que O Portelo recupera este ano o galardón perdido en 2017 e subliña que a consecución destas bandeiras é o recoñecemento ao traballo ben feito.
Alfredo Llano manifestou que “recibimos a notificación das bandeiras azuis para Burela, que son seis, unha para A Marosa, outra para Ril, outra para O Portelo-Cabaliño, outra para o barco museo, outra para o Centro Gaia e outra máis para o sendeiro azul do litoral burelés”.
O alcalde salientou que “é o máximo que se pode acadar para Burela e a min xa me parecía que íamos saír ben parados porque tivemos unha valoración extraordinaria do estado das augas para o baño de todas as praias de Burela. Esa notificación fixérona hai máis ou menos vinte días e a valoración ao remate do ano 2017 era de excelente en todas as praias”.
Llano dixo que “dentro do coidado que corresponde facer desde o Concello pensamos que estamos facendo unha boa labor. Recuperamos a bandeira azul, que eu penso que xa non se debera ter retirado o ano pasado, de O Portelo-Cabaliño, que é unha praia moi empregada polos veciños de Burela pero tamén por xente que ven de fora. Iso é basicamente que se fixeron ben as cousas e que se están facendo ben. Tamén temos a ISO 14001 que estamos aplicando, polo tanto consideramos que é un atractivo bo para o pobo de Burela”.
O rexedor burelés engadiu que “o barco museo é un dos atractivos turísticos que merecen este galardón porque o temos ben coidado e atendido, e ultimamente fixemos uns arranxos de mantemento que dan lugar a que siga unha tempada, espero que moi longa, facendo o seu servizo. O sendeiro azul é algo que tamén debe ser un atractivo para o turismo de Burela, máis o medio ambiente a través de Gaia”.
Alfredo Llano e a concelleira de Medio Ambiente, Noelia Mª Ben, recalcaron que “é unha satisfacción grande, pensamos que estamos traballando, e así é o recoñecemento con estas bandeiras azuis, co fin de ter un concello ben coidado e preparado para atender as necesidades dos nosos veciños e veciñas, pero tamén para toda aquela xente que queira achegarse a pasar uns días con nós, por que vai ter todas as garantías para que poida gozar ao máximo”.