Foz 13-6-18. A moción, presentada no último Pleno ordinario, celebrado en maio, e aprobada por unanimidade, propón garantir unhas pensións públicas dignas e sen perda de poder adquisitivo; a creación de emprego de calidade como mellor vía para garantir unhas pensións de calidade; a derrogación das reformas laborais que reduciron os salarios e precarizaron o traballo; recuperar a idade de xubilación aos 65 anos; incrementar as pensións non contributivas ata acadar o salario mínimo interprofesional e que o cómputo das pensións se realice en base aos 15 mellores anos da vida profesional das traballadoras e traballadores.
É necesario lembrar o impacto negativo que tiveron as reformas das pensións do ano 2011 e 2013 realizadas polos gobernos do PSOE e do PP, xunto coa reforma laboral do PP en 2012.
A reforma das pensións do 2011, obra do goberno do PSOE co apoio de CCOO e de UXT, incrementou de 15 a 25 os anos de cálculo das pensións e aumentou de 65 a 67 anos a idade de xubilación. En 2013 o PP eliminou a Lei que establecía o IPC como referencia para o cálculo do incremento das pensións, impoñendo unha suba anual dun miserable 0,25%. Ademáis, esta reforma introduce o chamado factor de sustentabilidade, que baseándose na esperanza de vida representará unha nova rebaixa para as pensións futuras.
O BNG de Foz denuncia a falsedade da idea coa que nos bombardean diariamente desde o poder e os medios de comunicación ao seu servizo, de que o Sistema Público de Pensións é inviable, e que teremos que suscribir plans de pensións privados para complementar as cada vez menores pensións públicas. Mentras tanto, bancos e aseguradoras agardan para facer caixa a costa das pensións, coa complicidade dun poder político ao seu servizo.
Este panorama é aínda máis grave en Galiza, onde máis dun 60% das pensións están por debaixo do salario mínimo. Seguimos tendo os salarios máis baixos e por conseguinte as pensións máis baixas. E a nosa mocedade vese obrigada a traballar en precario e con baixos salarios aquí, ou a facer as maletas na procura dun futuro incerto no estranxeiro, mentres o goberno promove medidas para subvencionar a contratación precaria, modifica o Imposto de Sociedades para favorecer ás grandes empresas, rebaixa os impostos directos ás rendas máis altas e concede desgravacións fiscais aos plans privados de pensións.
Diante deste panorama, o BNG seguirá a apoiar as mobilizacións dos pensionistas, sendo consciente de que non abonda con reclamar unha suba das pensións conforme ao Indice de Prezos ao Consumo (IPC), senón que é necesario derrogar as sucesivas reformas das pensións e laborais levadas a cabo polos gobernos do PSOE e do PP, para poder crear emprego de calidade, que é a única forma de garantir unhas pensións públicas dignas.

















Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos contra as 19:30 horas deste venres, a través dun particular que se atopaba no punto: un coche que participaba nunha proba de rallye en San Fiz de Paz (Outeiro de Rei) perdeu unha roda, e esta acabou golpeando a un espectador, quen precisaba asistencia sanitaria. De inmediato, desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Foi a propia organización do evento a que se fixo cargo do traslado.
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.



