Burela 26-6-18. A Cooperativa de Armadores de Pesca del Puerto de Vigo (ARVI) e a Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo (OPP-07) promoveron este martes 26 de xuño, a través da Confederación Española de Pesca (CEPESCA) un “Taller Internacional sobre xestión pesqueira de tiburóns”, que tivo lugar na Oficina Permanente de Representación (REPER) de España ante a UE en Bruxelas.
O obxectivo deste acto foi sensibilizar e explicar a representantes de institucións europeas e nacionais, ONGs e organizacións pesqueiras os pormenores, principais características, perspectivas e problemáticas desta pesquería de Palangre de Superficie, unha das artes de pesca máis selectivas e cunhas boas prácticas na súa xestión, para evitar sobre todo capturas incidentais de aves, tartarugas ou outras especies prohibidas.
No acto participaron diferentes representantes europeos, como Juan Arístegui Laborde, Embaixador Representante Permanente Adxunto de España ante a UE; Ramón de la Figuera, Subdirector Xeral de MAPAMA; Raúl García, Coordinador de pesquerías de WWF España; e Javier Garat Pérez, Secretario Xeral de CEPESCA e Presidente de Europêche; así como Monica Barone, da FAO; e Anders Jessen e Jorge Rodríguez Romero, da Comisión Europea.
Ao finalizar o acto degustáronse diversas receitas con tintorera (caella) e marraxo, aportados desde OPP Lugo: Cucuruchos de marraxo en adobo; Cebiche de marraxo; Chateau de tintorera; e Fideua de tintorera.