O Valadouro, 10 de xuño de 2018.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado doutras autoridades e preto dun cento de veciños da localidade, participou esta mañá na inauguración oficial do novo local promovido pola Comunidade de Montes de Alaxe, no Valadouro.
Balseiro xa visitou con anterioridade as obras de construción deste novo centro que contaron co apoio da Xunta, a través dunha achega de 50.000 euros do Grupo de Desenvolvemento Rural da Mariña (GDR), contía máxima establecida para este tipo de proxectos que financia o Goberno galego supervisor dos fodos europeos Leader.
O representante autonómico na nosa provincia agarda que estas novas instalacións, -con máis de 200 metros cadrados de superficie e un deseño innovador- sirvan para o goce de toda a veciñanza e, grazas á multitude de iniciativas que teñen previsto acoller, podan converterse no corazón da actividade social, cultural e de lecer desta parroquia valadourense.
Finalmente, no seu discurso, Balseiro puxo en valor a importancia das comunidades de montes en Galicia, un modelo de xestión da riqueza forestal moi propio da nosa terra e que supón a implicación directa da veciñanza na xestión dos aproveitamentos forestais e doutros recursos procedentes do monte. O delegado puxo como referente desta xestión eficaz á propia comunidade de Alaxe que destina estes aproveitamentos para impulsar actividades en beneficio da parroquia, abertas ademais ao conxunto da sociedade.