Viveiro 20-6-18. Na sesión plenaria do pasado 6 de xuño, debatiuse a moción presentada polo Grupo Municipal do PP para a inclusión do Concello de Viveiro na iniciativa “Concellos Doing Business Galicia” ou “Concellos Emprendedores”.
Para poder participar nesta iniciativa os concellos deben adoptar unha serie de compromisos, entre os que figura a modificación das ordenanzas fiscais para establecer unha bonificación en determinadas taxas e impostos de ata o 95%. Pola súa parte, a Xunta de Galicia comprometíase, entre outros, a establecer unha discriminación positiva a favor destes concellos nas solicitudes de determinadas subvencións destinadas a investimentos e gastos nos eidos industrial, do emprego e do emprendemento.
No debate da moción esta Alcaldía explicou as razóns polas que este concello non se adheriu a este convenio, dando conta detallada do informe técnico emitido ao respecto.
Neste informe, entre outras cuestions, lembrábase que este concello xa reducira o tipo de gravame do ICIO e a tarifa tipo I das licenzas de apertura para todo tipo de novos establecementos comerciais en 2016 e que modificara a ordenanza fiscal de licenzas de obras en 2017, bonificando un 80% da taxa no polígono industrial de Landrove, co fin de incentivar a instalación de novas empresas no noso Concello.
Ademais, advertíase das consecuencias económicas, financeiras e orzamentarias que a elevación da desviación entre gastos e ingresos implica sobre a estrutura orzamentaria municipal, entendéndose que non deben diminuír os ingresos municipais, agás que realmente impulsen a actividade económica no concello de Viveiro que compense a modificación proposta.
Por isto, tal e como se explicou no pleno, tendo en conta que este concello xa viña adoptando unha serie de medidas fiscais co fin de fomentar a actividade no sector da construción, impulsar a actividade económica, incentivar a apertura de novos establecementos e incentivar a instalación de novas empresas no noso Concello; tendo en conta que non se podía garantir que a adhesión a este convenio supuxera un impulso da actividade económica e que, polo tanto, quedara compensada a desviación entre gastos e ingresos, tal e como se condicionaba no informe de intervención, acordouse neste momento non realizar os trámites correspondentes para a adhesión a esta iniciativa.
Coido que estas explicacións serven para desmentir as acusacións aparecidas na prensa en días pasados, unha información sesgada coa que se pretende confundir á veciñanza e que carece de veracidade.
Quero deixar claro que esta mocion foi rexeitada cos votos en contra do PSOE, de Son Viveiro e dos concelleiros non adscritos; polo tanto, se a moción non saiu a diante non foi, unicamente, polos votos en contra deste equipo de goberno, foi votada en contra polos doce concelleiros referidos.
Tamén quero aclarar que a competencia sobre o emprego é autonómica, polo que non se pode culpar a este concello da taxa de desemprego existente. Cousa ben distinta é que este sexa un dos grandes motivos de preocupación deste equipo de concello, polo que, dentro das propias competencias e das nosas posibilidades, se veñen levando a cabo diversas iniciativas co fin de incentivar a creación de emprego no noso municipio, como as medidas fiscais arriba referidas.
Nesta mesma liña, é necesario facer constar que, ademais das subvencións concedidas pola Xunta de Galicia a todos os concellos para determinadas contratacións temporais, nos últimos dous anos o concello convocou unha praza de funcionario interino para o servizo de urbanismo, convocou unha praza como operario de protección civil na modalidade de contrato de relevo e tramitou o prodecemento para elaborar tres listas para substitucións temporais (docentes do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro, traballador/a social e conserxes). Ademais, neste mesmo periodo, o Concello de Viveiro contratou a 16 traballadores grazas á subvención concedida pola Deputación Provincial de Lugo, no marco do programa Depuemprego, por un importe total de 131.895,97 euros; unha axuda que permitirá, tamén neste 2018, contratar outros 7 traballadores por un importe de 69.474,90 euros. Neste sentido, quero aproveitar a ocasión para agradecer á Deputación de Lugo a colaboración prestada e o seu compromiso co fomento do emprego.
Agardo que estas declaracións sirvan para deixar claro, de forma firme e rotunda, o compromiso deste equipo de goberno cos veciños e veciñas de Viveiro, polo que vén traballando co obxectivo de crear emprego e conseguir a instalación de empresas no noso municipio; para a consecuención destes fins, sería necesaria a urxente aprobación do PXOM (paralizado en Augas de Galicia) ou a creación dunha vía de alta capacidade que nos conecte co resto de estado, cuestións polas que o goberno municipal leva tempo traballando.




















Trátase dunha viaxe para dúas persoas con estancia de catro noites nun hotel de catro estrelas en réxime de todo incluído, voos e equipaxe. O sorteo tivo lugar o pasado mes de xuño.
A cita previa pode solicitarse a través do teléfono 981.928.080 ou da web
En concreto, o sinistro ocorreu na N-634, en Vilaframil. Neste caso, un dos vehículos implicados envorcou e o único ocupante quedou atrapado, polo que necesitou axuda dos Bombeiros de Barreiros para poder saír do coche. Cando foi liberada, a persoa recibiu os primeiros coidados dun equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 desprazado no lugar dos feitos. En relación ao outro condutor implicado no accidente, cómpre destacar que tamén era o único ocupante, resultou ileso e estaba liberado e accesible.
A medida tamén fai que as familias perdan a gratuidad do comedor escolar, asumindo un gasto novo. O Concello reclama recuperar a parada mentres non exista unha alternativa segura e manter tanto o transporte como o comedor gratuíto, pedindo unha solución urxente que non prexudique ás familias de Mántaras.
Un total de 32 participantes déronse encontro nesta segunda edición, demostrando o seu nivel e desfrutando dunha mañá de competición e compañeirismo. Os gañadores das diferentes categorías foron: Antón Pernas (Sub 8), David Bustabad (Sub 10), Xulio Pernas (Sub 12), Deivid Pérez (Sub 14), Manuel Castro (Sub 16) e Breixo Alvite (Sub 18). A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, entregou os trofeos e medallas aos vencedores. O Concello felicita a todas as persoas participantes polo seu esforzo e por contribuír ao crecemento do xadrez no municipio, reafirmando a súa aposta polo deporte, pola participación e por ofrecer novas oportunidades para gozar e aprender.
A proba , organizada polo Club Ciclista Viveiro, reuniu máis de 130 ciclistas e coroou as campioas galegas de todas as categorías femininas -desde infantil ata master-, e aos campions galegos de infantil e cadete. A Praza da Galeguidade acolleu a saída e meta da competición, que se desenvolveu nun circuíto estático de 18,9 quilómetros pasando polo Porto da Gañidoira, a 699 metros de altura.
Trátase de dous MG ZS Hybrid+ Comfort, equipados coa tecnoloxía híbrida autorrecargable Hybrid+, que permite combinar eficiencia e un menor consumo no uso habitual. Segundo os datos do fabricante para este modelo, presenta unhas emisións de entre 113 e 115 g/km de CO₂ e un consumo de combustible de entre 5 e 5,1 litros aos 100 quilómetros, segundo o ciclo WLTP. A adquisición supuxo un investimento de 51.848,50 euros, IVE incluído, financiado a través do Fondo de Compensación Ambiental correspondente ao ano 2026.



