Alfoz, 18 de xullo de 2018. O vindeiro venres 20 e o sábado 21 de xullo Alfoz volve ao medievo para revivir a historia e a lenda do Mariscal Pardo de Cela. O escritor e xornalista Miqui Otero, nacido en Barcelona pero con raíces en Alfoz, será o encargado de ler o pregón na XX edición do Mercado Medieval de Alfoz no patio de armas do Castelo do Castrodouro o sábado ás 12 da maña.
O programa de actos da comezo o venres as nove e media da noite cun desfile de traxes medievais a cargo de O Nabiño e, deseguido, espectáculo de danzas medievais a cargo de Marco Uría. A xornada do venres remata cunha queimada amenizada polo grupo Illa Pancha.
A xornada do sábado da comezo ás 9.15 da maña coa ruta de senderismo As Fortalezas do Mariscal, a cargo do Freixo dos Lobos. As persoas interesadas poden informarse e inscribirse no teléfono 657 849 200.
Durante o resto da xornada Alfoz regresa ao século XV para ofrecer diversas actividades a pequenos e maiores, como a imposición das Medallas aos Escudeiros do Castro, exhibición de aves de cetrería, representacións teatrais, xogos ecuestres, exhibicións de oficios tradicionais ou revolta irmandiña infantil.
A xornada rematará coa gran cea medieval acompañada de espectáculo de malabares con lume a cargo de Asocirco e a escenificación “Credo, credo, creo”.
COÑECENDO AO PREGOEIRO DO XX MERCADO MEDIEVAL, MIQUI OTERO
Miqui Otero (Barcelona, 1980) é novelista en lingua castelá, xornalista e profesor universitario español. Sempre foi demasiado galego para os cataláns e demasiado catalán para os galegos, porque dende moi pequeno, pese a vivir en Barcelona, pasaba os seus veráns entre Mondoñedo, O Valadouro e A Espiñeira, preto de Foz.
No ano 2010 publicou a súa primeira novela “Hilo musical”, gañadora do premio “Novo Talento Fnac”. Dous anos máis tarde, publicou “La cápsula del tiempo”, escollido libro do ano por Rockdeluxe e entre os dez libros do ano, segundo o diario ABC. A súa última publicación, “Rayos” (2016) é a súa novela máis íntima e a máis ambiciosa; considerada polos críticos “unha das grandes novelas da cidade de Barcelona”. Tamén participou en antoloxías de novos narradores como “Última temporada” (2013) e en libros colectivos de ensaio como “Una risa nueva”(2010) e “CT o La Cultura de la Transición” (2012), entre outros.
Na actualidade colabora no diario “El País”, no “Cultura de la Vanguardia” e no “El Periódico de Catalunya” Tamén participa en diversas tertulias radiofónicas, como no programa de Julia Otero; da clases sobre literatura e xornalismo creativo na Universidade Autónoma de Barcelona e codirixe o festival “Primera Persona” do Centro de Cultura Contemporánea de Barcelona.
Nas súas novelas xamáis falta un guiño a algunha das historias galegas de emigrantes que, dende moi pequeno, avivaron a súa curiosidade e o empurrraron a escribir.