Ribadeo, 23 de xullo de 2018. O parque de San Francisco foi escenario na tarde deste domingo da segunda edición do Festival Tradicional de Ribadeo, que organizaron a Asociación Cultural Ronqueta e o Concello ribadense coa colaboración da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo e o cuarteto tradicional Illa Pancha.
Centos de persoas, turistas e veciñanza de Ribadeo, gozaron da música e do baile que ofreceron a Asociación Cultural Abelladeira, de Ponferrada; a Agrupación Folclórica Mistura, de San Cibrao; o grupo tradicional Marbadás e o cuarteto tradicional Illa Pancha, ambas formacións de Ribadeo.
Antes do festival realizaron un pasarrúas desde o Teatro ata o parque de San Francisco. Ao remate do acto os concelleiros de Cultura e Igualdade, Farruco Graña e Mariluz Álvarez, xunto a Hugo García da Asociación Cultural Ronqueta, fixeron entrega dun agasallo como lembranza do II Festival Tradicional de Ribadeo ás agrupacións participantes.
O acto foi conducido pola xornalista Carmen Cruzado, directora de Faro Norte Comunicación.
