Ribadeo, 23 de xullo de 2018. O Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Porta da Auga, de Ribadeo, conta con novo equipo directivo, que foi presentado hoxe, e oferta un ciclo de FP dual de Electromecánica de Maquinaria, que é único en Galicia.
Na presentación aos medios de comunicación, celebrada esta mañá, o novo director do centro anunciou que “a ata agora directora, Beatriz Dobaño, e o vicedirector, Jesús Menéndez, cesaron nos seus cargos o pasado día 30 de xuño, despois de máis dunha década ao fronte do CIFP Porta da Auga. Pasamos o ocupar os seus postos eu, Isidro Berdeal Díaz, como director, que xa levo xa varios anos como profesor de Automoción no centro, do que tamén fun alumno, polo que me considero un pouco da canteira do Porta da Auga. Como nova vicedirectora temos a sorte de contar con Begoña Vázquez Veiga, profesora da especialidade de Servizos socioculturais e á comunidade. A xefatura de estudos seguirá a cargo de José Manuel López Teijeira, aquí presente, mentres que na Secretaría continuará Rafael Fernández Reiriz, que non pode estar hoxe nesta roda de prensa, polo que pido desculpas no seu nome. Ámbolos dous xa ocupaban os mesmos postos no anterior equipo directivo, polo que xa contan cunha experiencia considerable”.
Isidro Berdeal explicou tamén que “as liñas de traballo van ser semellantes ás do anterior equipo directivo, poñendo todo o noso empeño en fomentar a Formación Profesional, en que o noso alumnado saia o mellor preparado posible e en que as empresas da contorna vexan no CIFP Porta da Auga un referente, tanto na cualificación do noso alumnado como na formación continua dos seus traballadores. Quero aproveitar a ocasión para invitar tanto a pais, nais, posible alumnado e empresas da contorna a que veñan visitar o centro, que nos comenten as súas dúbidas e inquietudes. Estaremos encantados de atendelos e buscar a mellor opción dentro das nosas posibilidades”.
A continuación o xefe de estudos comentou que “oferta educativa para o curso 2018-2019 dentro das familias profesionais que hai no centro son: en Administración e Xestión contamos cun ciclo superior de Administración e Finanzas en modalidade presencial e un ciclo medio de Xestión Administrativa en modalidade presencial e modalidade a distancia. Na familia profesional de Electricidade e Electrónica temos un ciclo medio de Instalacións Electrotécnicas e Automáticas en modalidade presencial e un ciclo superior de Sistemas Electrotécnicos e Automatizados en modalidade presencial de adultos. Dentro da familia de Edificación e Obra Civil contamos cun ciclo medio de Obras de Interior, Decoración e Rehabilitación, que este ano é modular adultos presencial. Na familia de Servizos Socioculturais e á Comunidade contamos cun ciclo medio de Atención a Persoas en Situación de Dependencia na modalidade presencial e un ciclo superior de Educación Infantil na modalidade tamén presencial. Na familia profesional de Transporte e Mantemento de Vehículos contamos cun ciclo medio de Electromecánica de Vehículos en modalidade presencial, un ciclo medio de Carrocería en modalidade presencial, un ciclo superior de Automoción en modalidade presencial, un ciclo de Formación Profesional Básica en modalidade presencial e un ciclo medio de Electromecánica de Maquinaria en modalidade dual. Ademais desta oferta educativa que temos de ciclos e de familias profesionais, tamén desempeñamos neste centro acreditacións de competencia, formación ocupacional para persoas desempregadas, así como cursos de formación continua para traballadores. Este é o primeiro ano que hai o curso de Electromecánica de Maquinaria en modalidade dual”.
Sobre ese ciclo de FP dual ofreceu máis detalles a nova vicedirectora do CIFP Porta da Auga: “este tipo de ensinanzas compaxina a formación no centro educativo coa formación nas empresas. Ao longo de dous cursos alternan estes períodos e o alumnado recibe unhas bolsas durante o período de formación nas empresas de 500 euros mensuais. O título que ofertamos é o de ciclo medio de Electromecánica de maquinaria e a duración sería desde setembro 2018 ata o 31 agosto do 2020”.
Begoña Vázquez tamén explicou que “as empresas colaboradoras, coas que se asinan convenios serían: Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN SCG), concretamente Os Irmandiños, en Ribadeo; Centro Técnico de Maquinaria Forestal SL (TECMAF), de Barreiros; Logmax Iberia SL, de O Valadouro e Foz; Talleres El Frondigo S.A., de Vegadeo; Agroforestal Rouco S.L.U., de Valadouro; e Talleres Ramón Castro S.L. (MONRA Forestal), de Castropol. E os requisitos dos solicitantes, entre outros, son ter a certificación académica de acceso a ciclo medio e ter unha idade entre 18 e 29 anos. Animar a todos os interesados a pasarse polo CIFP, onde estaremos a súa disposición para aclararlles calquera dúbida. O prazo de matrícula estará aberto ata setembro”.
