Viveiro, 30 de xullo de 2018. O pasado fin de semana a prensa local facíase eco da noticia da Xunta de Galicia anunciando a execución de diversas obras na rúa Benito Galcerán, facendo, incluso, alusión á mellora que esta intervención ía supoñer para os veciños da zona. Creo que esta noticia terxiversa a realidade e confunde á veciñanza; non é a primeira vez que o Partido Popular pretende levar os méritos de obras e proxectos executadas no noso municipio, con proxectos e propostas realizadas polo goberno municipal, polo único feito de concederen a este concello unha axuda económica á que esta administración ten dereito por lei, unha subvención cun importe determinado que nos corresponde e que nós investimos segundo consideramos mellor para Viveiro.
Neste caso trátase dunha subvención concedida ao abeiro da Orde do 21 de decembro de 2017 pola que se regulan os criterios de repartición e se establece as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2018, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, destinadas a entidades locais de Galicia (DOG núm. 9, do 12 de xaneiro).
Mediante resolución do 21 de maio de 2018, a directora xeral de Administración Local, por delegación do Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (disposición derradeira primeira da Orde do 21.12.2017), de acordo co disposto na Orde do 21 de decembro de 2017 arriba indicada, dentro da liña de subvencións contemplada no artigo 3.1,a) da devandita Orde, subvencións de natureza non competitiva, para os concellos cuxo territorio municipal se atope dentro da poligonal de delimitación dun parque eólico e, igualmente, os afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación, acordou concederlle a este concello unha subvención por importe total de 96.044,68 €, para o proxecto denominado “Mellora, reposición de saneamento, redes de sumidoiros e abastecemento de auga no tramo comprendido entre a oficina de turismo e o río dos Foles na rúa Benito Galcerán”.
Hai moito tempo que o Concello de Viveiro é consciente da necesidade de arranxar este vial, que forma parte dunha das zonas peonís máis concorridas de Viveiro e que permite comunicar o núcleo mariñeiro de Pénjamo e de Lodeiro co casco antigo de Viveiro. Tendo en conta que este vial, denominado LU-862, é de titularidade autonómica, dende o concello téñense enviado diversos escritos á Xunta de Galicia informando sobre o seu estado e solicitando que se adoptaran as medidas necesarias para o seu arranxo; ante a inoperancia e pasividade do goberno da Xunta de Galicia, este goberno municipal decidiu investir o importe desta subvención na mellora desta vial, cando se podería ter destinada a calquera outra actuación para o municipio.
Debe quedar claro, polo tanto, que o arranxo deste vial se vai levar a cabo por que este concello, por responsabilidade e compromiso cos veciños, decidiu empregar o importe desta subvención, que nos corresponde, na execución deste proxecto.
Fronte a este tipo de axudas están aqueloutras nas que a concesión por parte da Xunta de Galicia depende da orde de presentación ou da puntuación outorgada; nese caso se atopa a solicitude que este concello presentou no seu momento para o proxecto “Reposición y mejora del firme en las calles denominadas Rego das Frores, Alonso Pérez y Jesús Noya en el núcleo urbano de Viveiro (Lugo)” que, casualmente, non foi concedida.
As obras recollidas nos proxectos “Reposición y mejora del firme en las calles denominadas Rego das Frores, Alonso Pérez y Jesús Noya en el núcleo urbano de Viveiro (Lugo)”, cun presuposto de contrata por importe de 57.632,46 €, e “Proyecto para la reposición de firme y regeneración de isletas existentes frente a la zona escolar de la calle Martín Ledesma-Viveiro”, cun presuposto de contrata por importe de 97.367,54 €, estas incluídas no convenio que este concello asinou coa Deputación Provincial de Lugo en data 21 de decembro de 2017, por importe de 155.000 euros, sendo financiadas integramente polo ente provincial.
Os feitos demostran, unha vez máis, qué administracións se preocupan de forma real e verdadeira deste municipio e por ese motivo non vamos a permitir que se intente enganar á cidadanía.
A alcaldesa
María Loureiro García