Ribadeo, 31 de agosto de 2018. A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia fixo un balance moi positivo do VII Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos que hoxe rematou en Ribadeo. O presidente de APAGA, Álvaro Doural, subliñou que se incrementou nun 40% a participación e que cada vez hai máis empresas e poñentes implicados. A próxima semana continuarán as actividades deste evento en Pamplona e Madrid.
Doural manifestou que “o balance do Fórum é moi positivo porque houbo un incremento de participación importante, eu creo que sobre un 40%. Penso que o nivel de ponencias sigue sendo francamente moi bo, incorporáronse novos poñentes e novas empresas”.
O presidente de APAGA considera que “o Fórum está funcionando moi ben e que se prevé un futuro moi bo para esta actividade. Cada vez hai máis xente e máis profesionais que se incorporan, que era unha asinatura pendente. O mundo do taller e da empresa estase incorporando a esta actividade e eu creo que iso é moi importante”.
Respecto ás actividades do Fórum que se celebrarán a próxima semana fora de Ribadeo Álvaro Doural dixo que “son actividades programadas con moito tempo, pechadas e que van ter lugar en Pamplona no centro Virgen del Camino, que é socio noso desde hai moitos anos, e que xa colaborou con nosoutros nun proxecto que tiña o Ministerio no seu momento. Haberá ademais outra actividade en Madrid”.
Para o presidente de APAGA “a tendencia destas actividades vai pasar nalgúns casos por iso, por desprazar á xente ás escolas de formación das empresas cando estean dispostas a acoller nelas profesorado. Ese é outro campo que espero que no 2019 se potencie e tire para adiante. Este é un primeiro paso. Damos resposta un pouco aos socios que hai fora da comunidade autónoma. Espero que no 2019 se poida programar algunha actividade a nivel europeo, noutros países dos nosos socios. Isto cada vez se abre máis e os poñentes que veñen aportan outra xente que consideran importante e que colaboran con nós. Estamos nun momento moi bo”.
Asemblea xeral
APAGA celebrou ademais, onte, a súa asemblea xeral. O seu presidente, Álvaro Doural, manifestou que “a idea é seguir traballando na mesma liña. Estamos neste momento xa abrindo unha nova vía de colaboración con empresas, que é a implantación de metodoloxía de 5S, de organización dos postos de traballo, que está a traballar neste momento coas empresas e que se vai abrir e xeneralizar. Ademais tamén se pode comezar a desenvolver cos centros que estean interesados”.
Doural engadiu que “se van potenciar os proxectos europeos, vaise celebrar a semana da feira FP en Europa como anos anteriores e neste último trimestre do ano vaise elaborar un catálogo de cursos de fin de semana. A experiencia deste ano foi moi positiva e vanse potenciar ao máximo todo ese tipo de actividades e algunhas cousas máis que están aí”.
