Lugo 31-8-18. En relación ás declaración verquidas polo Partido Popular sobre as residencias e centros de día públicos da Deputación, o Goberno da Deputación aclara:
1.- Os prezos das prazas de residencias ás que fai referencia o Partido Popular duns 1.100 euros refírense, exclusivamente a persoas con autonomía (non dependentes), prezo que non é que non só se incremente, senón que se rebaixa en 20 euros, pois a ordenanza de prezo público que se está a tramitar nos Concello, establece un prezo máximo para non dependente duns 1.080 euros.
2.- Os prezos duns 1.390 euros propostos nas ordenanzas de prezo público que se están a tramitar nos Concellos, e ás que fai referencia o PP, sería o prezo máximo dunha praza para persoas con dependencia.
Tratábase dun colectivo que, nun primeiro momento, non se contemplaba incluír por ser un colectivo que debería ser atendido pola Xunta de Galicia, administración coas competencias directas na materia. Vista a situación de total abandono deste colectivo, que se comproba coas listaxes de agarda de acceso a estes servizos, así como a evolución actual do sobreenvellecemento dos maiores da provincia de Lugo, decidiuse adaptar o proxecto inicial para que estas persoas non quedasen sen ser atendidas, pois a Xunta non o fai.
3.-O Goberno da Deputación, conxuntamente cos Concello, financiarán parte dos custos das prazas daquelas persoas con limitacións económicas que non poidan asumir os custes deste servizo. O Goberno garante que ningunha persoa maior da provincia vai a quedar excluída do acceso ao servizo de atención residencial ou diúrna, tanto a dependentes como a non dependentes, por non ter recursos económicos.
4.- En relación ao informe técnico é preciso aclarar que non foi o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde quen o solicitou, senón que foi durante unha reunión técnica de Centros de Atención a Persoas Maiores, celebrada o mércores dezaoito de abril de 2018 ás 17:00, na que participaron Alcaldes, secretarios, Interventores, así como, os responsables técnicos e persoal de referencia dos servizos sociais comunitarios dos concellos, na que se acordou de xeito unánime “como necesario e imprescindible a contratación da redacción dun proxecto de prezos do servizo a prestar nos centros de atención a persoas maiores de Trabada, Pol, A Fonsagrada, Pedrafita do Cebreiro, Ribas de Sil, e para dar cumprimento ao artigo 97 do Real Decreto Lexislativo 781/1986, de 18 de abril, polo que se aproba o Texto Refundido das disposicións legais vixentes en materia de Réxime Local, por parte dos citados concellos”, como así o recolle a acta oficial desta reunión.
5.- O modelo de atención aos maiores que defende este Goberno é totalmente oposto ao da Xunta de Galicia. Mostra disto é, por exemplo, o servizo de teleasitencia para non dependentes da Deputación que é totalmente gratuíto fronte ao da Xunta de Galicia que, ademais de só atender a dependentes, obriga aos usuarios ao copago. Outro exemplo do modelo da Xunta de Galicia de atención aos maiores é o de entregar cheques para acceder a residencias privadas (que non é nada novo, pois son as libranzas), un feito que as traballadores sociais de Galicia tildan de parche, pois defenden a necesidade de incrementar o número de prazas públicas de residencias e centros de día, xa que o este cheque non asegura que unha persoa poida asumir os custos de prazas privadas.