Penso que a estas alturas xa todo o pobo do concello de Cervo é coñecedor dos tristes momentos que atravesa a histórica Fábrica de Sargadelos, noutrora referente cultural de Galiza e foco de inmensa riqueza para a comarca. Sen embargo, o relato dos feitos que algúns medios propagan non se corresponde exactamente coa realidade do que está pasando. Moitos en Cervo sabemos das terxiversacións e interpretacións interesadas que se espallan e sufrimos coas mornas reaccións desde as institucións públicas e autoridades políticas. Pero moitos son tamén os que calan.
Xustamente o meu compromiso político, a miña entrega ao ideal de crear mellores condicións de traballo e de vida, de crear riqueza para distribuíla equitativamente, ese compromiso, digo, obrígame a contar a verdade que outros non se atreven. Debo dicir a verdade, non quero ser cómplice.
A primeira e gran mentira de toda esta historia é a da existencia de presión sindical en Sargadelos. Non é máis ca un dos moitos inventos de Segismundo García para desviar a atención das súas verdadeiras intencións. Todo o mundo o sabe en Cervo, a combatividade sindical en Sargadelos é, e sempre foi, nula. Os cartos que leva pagado a Fábrica de Sargadelos pola suposta conflitividade sindical son só consecuencia de sentenzas xudiciais firmes contra ERE incorrectos e de despedimentos arbitrarios e ilegais provocados pola irresponsabilidade e neglixencia de Segismundo García, un señor que asegura coñecer as leis pero que despreza e incumpre as máis básicas normativas laborais. Perde unha tras outra tódalas reclamacións que os traballadores despedidos interpoñen, pero el non ten a culpa: son os sindicatos, a Inspección de Traballo, os xuíces, son as leis deste país que, segundo el, favorecen demasiado aos traballadores. El só é un pobre millonario vítima dunha lexislación que lle impide impoñer a súa autoridade absoluta e incontestable.
Esta última vaga de ataques desapiadados contra os dereitos dos traballadores e contra o prestixio de Sargadelos iniciouse pola sospeita dunha posible denuncia oída nunha conversa informal. E a raíz dun asunto tan trivial e inofensivo comezaron os despedimentos de traballadores e traballadoras que nada tiñan que ver co asunto, acompañados de ameazas de peche da empresa. Este mal chamado empresario reacciona ante a máis lixeira sospeita de discrepancia con castigos colectivos e ameazas apocalípticas totalmente desmedidas. Está claro que se trata dunha estratexia cun obxectivo distinto: necesita culpar a alguén para agachar a súa escura planificación sobre o futuro de Sargadelos. Á parte da ilegalidade que supón e dos posibles delitos contra os dereitos dos traballadores trátase dunha caza de bruxas intolerable. Non sei como actuarán as autoridades ás que lles competen estes atentados contra as liberdades fundamentais recollidas na Constitución, pero eu non podo calar ante o infame linchamento público a que está sendo sometida unha persoa inocente. Con toda a forza que un cervense decente poida acumular teño que berrar a verdade: Segismundo García é un vil inquisidor, incompetente para xestionar de maneira racional unha factoría cultural coma Sargadelos!
Permitídeme que malgaste un pouco de espazo deste artigo-berro para dirixirme directamente ao culpable deste desastre, o cal me chamou a pasada semana para ofrecerme as súas accións polo mesmo valor que el as comprara:
“Sr. García —vouno tratar de vostede, tal e como me esixiu coas súas maneiras prepotentes e autoritarias na ridícula chamada telefónica que recibín, pero non por ningún indicio de respecto que Vde. non merece, senón por resaltar a distancia que nos separa, que é a que vai da dignidade á indignidade, da decencia á total falta de escrúpulos que o caracteriza—, pois iso, Sr. García, estíveno cavilando e non, non lle vou comprar as súas accións na empresa. Botei contas e o meu salario de obreiro honrado non me dá para acometer esa clase de aventuras. Créame que me produciría unha enorme satisfacción conseguir apartalo da xestión de Sargadelos, pero, como Vde. xa sabía cando fixo ese ofrecemento provocador e fanfarrón, carezo dos cartos e da vocación empresarial suficiente para darme ese gusto. Mais, debería ter Vde. o valor suficiente de ampliar ese ofrecemento a quen si estea en condicións de aceptalo. Liberal e ateo como é Vde., ofrézalle as súas accións ao único deus que venera, o sacrosanto libre mercado (e non faga trampa, inclúa no lote as accións de Cerámicas do Castro que lle dan maioría en Sargadelos), expoña os seus desexos de venda no ámbito correcto, comuníquello a investidores e empresarios dos de verdade. Nese mundo, todo ten un prezo. Esa lei da oferta e da demanda que é o seu evanxeo marcará o valor de mercado das súas accións. O problema para Vde. é que, a estas alturas, ninguén lle vai querer dar os cartos (que non foron moitos) que investiu no seu momento por causa da súa nefasta xestión e o continuo desprestixio ao que está sometendo a Sargadelos. A pesar de contar cunhas contas máis saneadas (debido á venda de valiosos activos que posuía a empresa; activos que, por suposto, eran froito da xestión da dirección anterior) a Fábrica ten un valor de mercado moi inferior ao que tiña cando Vde. se fixo con parte dela. Se non fose así, xa tería atopado quen lla comprase con beneficio. É evidente que a súa irresponsable e neglixente administración non fixo máis que depreciar as súas accións. E cada vez que abre a boca ou escenifica algunha das súas pallasadas no papel de superheroe do liberalismo, de vingador xusticeiro contra un sindicalismo que descoñece, Sargadelos diminúe o seu capital e está máis preto da ruína. Pero está claro que Vde. non vai poñer á venda en serio a súa parte nestes momentos —quen nos dera ao pobo de Cervo! Vde., polo de agora, vaise limitar a seguir cobrando os elevados soldos que como administrador único de tódalas empresas do Grupo Sargadelos detrae directamente do que deixa de pagarlles ás traballadoras. Con iso irá tirando Vde. Con iso e coa comedia esa de redentor do empresariado español contra o maléfico sindicalismo que vai destruír o mundo.”
Regreso da digresión para petar na conciencia do pobo de Cervo, que tanto lle debe a Sargadelos, ao verdadeiro e fecundo Sargadelos, ao que inventaron Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane e que o esforzo das familias cervenses fixo agromar con alegría e tamén elevado beneficio económico, claro está. Temos que defender a Fábrica que entre todos construímos, que nos puxo no mundo, que creou unha marca (SARGADELOS) cun valor incalculable a nivel mundial, unha riqueza e benestar que agora nos quere arrebatar un tendeiro fanfarrón que só quere obter rendemento ao seu investimento a costa de matar Sargadelos. Porque non dubidedes que esa é a súa intención. Que outra cousa se pode esperar dunha persoa que pretende dirixir Sargadelos despoxándoo de todo o valor engadido que lle proporcionou a súa vinculación coa cultura galega e coa creación de vangarda mundial, dun empresario que presume de incumprir a lei, dun personaxe atrabiliario e amoral, en fin, que impón de maneira ditatorial as catro ideas simples que ten na cabeza, de maneira que os cambios de directivos e de estratexias son constantes e as defenestracións de colaboradores continuas e violentas (so resisten ao seu lado, ou quizais detrás de el, os felóns que traizoaron a Isaac para poñelo no mandiño)? Unha desas caídas en desgraza foi Rogelia, antiga colaboradora do patrón nas primeiras cribas de persoal, sempre disposta a acatar e espallar os recortes de dereitos que Segismundo impuña. Até que lle chegou a ela. Expóñoo como aviso a navegantes para algunhas que colleron a vez con máis ansia aínda e son as primeiras en arrimarse ao patrón enfurecido para axudalo a lapidar á ex-colaboradora e ademais a empeorar as súas propias condicións laborais. Vailles pagar coa mesma moeda. Quede claro, a pesar dos erros que puidese cometer no pasado, o noso total apoio e a máis férrea solidariedade con Rogelia. O BNG de Cervo sabe sempre de que lado ten que estar, custe o que custe. Que non conten con nós para participar en cazas de bruxas e en lapidacións públicas propias da Idade Media, esa época da que apareceu a besta que di dirixir a Fábrica de Sargadelos. O culpable é Segismundo; a vítima, Rogelia.
Pero esta carta esténdese moito xa, e vai sendo hora de concluír:
EU ACUSO a Segismundo García Rodríguez de querer levar á ruína a Fábrica de Sargadelos.
Eu acuso a Segismundo García de estragar a conciencia o compoñente cultural de Sargadelos, xerme do valor engadido que permitiu o asentamento dunha fábrica de cerámica exitosa e rendible en Europa.
Eu acuso a Segismundo García de aniquilar o íntimo vencello de Sargadelos coa identidade e o feito diferencial galego e a conseguinte perda de valor até facer practicamente inviable un futuro próspero.
Eu acuso a Segismundo García de abocar a Fábrica ao desastre económico por medio do desprestixio continuo da marca, da ausencia total de investimentos e da creación de conflitos que imposibiliten o funcionamento da empresa.
Eu acuso a Segismundo García de erradicar en poucos anos a riqueza que Isaac Díaz Pardo e os traballadores e traballadoras do pobo de Cervo alcanzaron.
Eu acuso a Segismundo García de gravísima represión antisindical e de presuntos delitos contra os dereitos dos traballadores, que deberán ser investigados pola autoridade competente.
Eu acuso a Segismundo García de ser un perigoso antisistema, insubmiso coa lexislación vixente, incapaz de dirixir unha empresa moderna e respectuosa co seu persoal como era Sargadelos antes da súa chegada.
Eu acuso a Segismundo García de neglixencia culpable na dirección e administración da Fábrica de Sargadelos.
Eu acuso, en fin, a Segismundo García e aos felóns que o rodean de condenar a Sargadelos e a Cervo á insolidariedade, á pobreza e ao sufrimento.
Escribo isto na busca da verdade e da xustiza e por amor a Cervo e ás súas xentes.
Diego Fernández Martínez
Responsábel Local do BNG en Cervo.




















O actor e humorista continuará a súa xira pola comarca e presentará esta mesma proposta en Burela o venres 27 de marzo, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura. O monólogo combina imaxes e historias, con contidos novos e outros xa coñecidos, sempre cun humor moi persoal. A función está recomendada para maiores de 14 anos e as entradas, a 5 euros, poderán adquirirse no despacho de billetes desde unha hora antes. O evento conta coa colaboración do Concello de Burela, a Xunta de Galicia, a Agadic e a Rede Galega de Teatros e Auditorios.
A Guía Repsol destaca 24 locais galegos como Soletes de primavera para gozar nesta Semana Santa. Galicia suma xa 357 establecementos recoñecidos con este distintivo, que non se renova nin se revalida, senón que se concede como categoría única. Na provincia de Lugo figuran seis Soletes: ‘Caserío Meiroi’ (Navia de Suarna), ‘Ebos’ (Vilalba), ‘Faragullas’ (Mondoñedo), ‘La Salina’ (Sarria), ‘Ramón’ (Lugo) e ‘Trespés’ (Monforte de Lemos).
López agradeceu á Academia Galega do Audiovisual por escoller Lugo e destacou a importancia do evento para visibilizar o talento local e o apoio provincial ao sector. A gala contou cunha ampla representación lucense: Nuno Pico e Xaime Miranda polo videoclip Antes fun moi malo; Fran Fórneas e Sergio Marey por Ferido do Xoán; Sabela Ramil e Andrea Mesa por Non cho podo dar; o dúo Fillas de Cassandra; e o burelés Breixo Llano, do equipo de Cos pés na terra. Ademais, a película Sirāt, do naviego Oliver Laxe, foi unha das grandes favoritas con 14
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.
Habilitarase o Rego das Flores. Desde o Concello recoméndase á cidadanía ter en conta esta incidencia nos seus desprazamentos mentres se manteña a restrición.
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
Será un concerto acústico e intimista, pensado para gozar da súa música nun formato próximo. Entrada libre ata completar aforo.



