Viveiro 4-9-18. A Alcaldía remitiu un escrito ao Director de Augas de Galicia solicitando unha xuntanza para obter información, de primeira man, con respecto ao saneamento da ría e ao informe que ese ente debe emitir con respecto ao PXOM, dous asuntos de vital importancia para este municipio.
Na carta enviada facíase referencia ao Convenio de Colaboración entre a Entidade Pública Empresarial Augas de Galicia e o Concello de Viveiro para a execución de actuacións de saneamento de Celeiro e mellora da EDAR de Viveiro, asinado en setembro de 2016, por un importe de tres millóns de euros. As actuacións recollidas neste convenio inclúen unha estación de bombeo en Celeiro, un depósito de retención e pretratamento, a optimización da depuradora e a instalación dun emisario submarino de 858 metros, resultando todas de vital importancia para este municipio.
Cando se cumpren dous anos da sinatura do referido convenio, e a pesar dos numerosos trámites e xestións realizadas por este concello con respecto a este asunto, a día de hoxe aínda non existe unha previsión clara con respecto á data de inicio destas obras.
Por este motivo é polo que se remitiu o escrito solicitando unha xuntanza, á maior brevidade posible, para coñecer a situación na qué se atopa a tramitación deste expediente, cándo se prevé rematar a redacción dos proxectos e, así mesmo, o inicio das obras, entre outras cuestións. Na carta explicaba que agardaba que o Director de Augas de Galicia comprendera que o saneamento da ría supón un grave problema para este municipio e que entendera a preocupación deste concello pola demora que se está a producir na tramitación deste expediente e das autorizacións necesarias para a súa execución, a pesar de que por parte do concello se veñen seguindo todos os pasos e trámites indicados polas distintas administracións implicadas para obter tanto a autorización de vertido como a concesión de ocupación de dominio público marítimo-terrestre.
Con respecto ao Plan Xeral de Ordenación Municipal, no escrito enviado lembrábase que o concello remitiu a solicitude de informe a Augas de Galicia en maio de 2016. A pesar do tempo transcorrido e das diversas conversas mantidas ao respecto, a día de hoxe o concello aínda non recibiu o informe referido. Por ese motivo, na reunión solicitada con Augas de Galicia gustaríame obter unha explicación sobre este aspecto e unha previsión, pois é evidente que a aprobación do PXOM é un asunto urxente e esencial para este concello.