Viveiro, 21 de outubro de 2018. A Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, avanzou este domingo que apoia a decisión da organización do Resurrection Fest de retirar do cartel da edición deste ano a unha banda de música na que o seu líder conta cunha condena por violencia machista.
Loureiro García destacou que “estamos totalmente de acordo coa retirada desta banda. En Viveiro non hai cabida para a violencia machista. Dende o Concello, concretamente dende a Concellería da muller, e como xa lle transmitimos á propia organización, apoiamos totalmente a súa decisión de prescindir de calquera grupo ou banda que conte con condenas por violencia contra as mulleres. Non podemos darlle cobertura”.
A rexedora municipal destacou que “dende o primeiro momento, puxémonos en contacto coa organización do Resurrection Fest para transmitirlle o noso desacordo coa contratación desta banda. Fixémolo porque somos un Concello que defende a igualdade e os dereitos das mulleres e dende o que rexeitamos calquera tipo de violencia. Quero tamén destacar a preocupación da organización que nos avanzou a súa intención de prescindir da banda”.
Neste senso apuntou tamén que “cremos na reinserción social pero que neste caso, e vendo que cada vez son máis os casos de violencia contra as mulleres e o seus fillos, debemos ter unha posición de total rexeitamento a este tipo de comportamentos”.
Loureiro García lembrou que “dende o Concello e en colaboración coa propia organización, situamos puntos de atención á muller no recinto do festival para ofrecer un lugar no que atender calquera incidencia, pois tanto a organización do Resurrection como o Concello estamos sempre á carón das mulleres”.