Ribadeo, 23 de outubro de 2018. O grupo municipal do Partido Popular critica a falta de limpeza en Ribadeo. O voceiro, Jesús López Penabad, refírese ao estado no que se atopan os contedores de residuos, sobre todo os amarelos e os azuis, xa que seguen sen recollerse con normalidade e o lixo acumúlase ao seu arredor nas rúas da vila e noutros puntos do municipio.
“O Partido Popular e calquera veciño pode comprobar como se encontra Ribadeo a nivel de limpeza, sobre todo os contedores de residuos, porque os amarelos e os azuis están sen recoller desde hai moito tempo, o que dá unha imaxe lamentable. O actual concelleiro encargado deste asunto saía moito a criticar a limpeza de Ribadeo, pero Ribadeo nunca estivo tan mal este nivel como agora, sobre todo os contedores azuis e amarelos, pero non só eses porque o outro día chamáronme desde unha parroquia, en concreto do barrio de A Rochela, para dicirme que os contedores verdes, os de residuos orgánicos, pasaron desde o xoves antes do Pilar ata o luns seguinte sen recoller. Alí hai algún negocio que está xerando continuamente lixo e polo tanto xa me dirán que maneira de xestionar os residuos é esta”, explica o portavoz do PP ribadense.
Jesús López Penabad engade que “é certo que houbo un problema cunha empresa que quebrou, pero xa fai tempo diso e aínda non lle buscaron solución a ese tema. ¿Que fai o goberno municipal para solucionar este asunto, que é escandaloso? Refrescaron as temperaturas e non é igual que no verán, pero a imaxe que se está dando dun pobo turístico e de comercio e servizos como somos é realmente lamentable”.
O voceiro do PP en Ribadeo diríxese ao equipo de goberno municipal dicindo: “pasen vostedes polas rúas, fíxense nos contedores e miren que abandono existe neles. Polo tanto, póñanse as pilas e arranxen un problema serio, como é o que está pasando coa recollida de lixo. Non sei a profundidade do problema coas empresas, pero intenten solucionalo e deixar a Ribadeo como se merece: limpo”.
