Viveiro 6-10-18. A cidade de Viveiro (Lugo) acolleu esta semana a cuarta Interfederativa de Confrarías de Pescadores do Cantábrico Noroeste para reflexionar sobre temas de interese das flotas artesanais, analizar a súa situación actual e os principais retos de futuro.
O encontro, que tivo lugar no Hotel Thalasso Cantábrico durante o xoves 4 e ol venres 5 de outubro, volveu estar impulsado pola Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo, e nel participaron representantes das Federacións de Confrarías de Guipúskoa, Cantabria, Asturias, Lugo, A Coruña e Pontevedra, así como a Federación Galega de Confrarías.
Durante a reunión Interfederativa de Confrarías, celebrada na tarde do xoves, os representantes dos pósitos consensuaron unha serie de temas que sirviron como documento de traballo na reunión que o venres pola mañá mantivo o sector pesqueiro artesanal coas administracións central e autonómicas.
Os representantes das confrarías analizaron as principais conclusións acadadas tra-lo congreso do ano pasado, nas que se facía fincapé de novo no RD polo que se regulan as Organizacións Profesionais do sector da Pesca e os plans de producción e comercialización; nas sancións do Fondo Europeo Marítimo de Pesca; e na situación de determinadas pesquerías, como raia, cabala, sardiña, atún vermello e branco, peláxicos, descartes, arrastre portuxés e gescuotas. Este ano sumáronse novos temas de interese común para o sector, como os descartes, as medidas técnicas, o regulamento de control ou o plan de xestión do cantábrico-noroeste.
Mantendo a dinámica de anteriores edicións, na mañá do venres organizouse unha reunión de traballo conxunta entre representantes das Confrarías e das Administracións pesqueiras de España e as Comunidades Autónomas do Cantábrico, na que participou a Secretaria Xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Alicia Villauriz Iglesias. Neste encontro os representantes do sector expuxeron ás Administracións as principais conclusións e proposicións derivadas do día anterior.
A xornada do venres contou tamén coa asistencia da Directora Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, Mercedes Rodríguez Moreda; o Xefe de Coordinación da Área do Mar en Lugo, Pablo Fernández Asensio; o Director Xeral de Pesca Marítima do Principado de Asturias, Francisco González Rodríguez; a Directora de Pesca e Alimentación de Cantabria, Marta Ana López; e o Director de Pesca e Acuicultura do País Vasco, Leandro Azcue. Tamén participaron o presidente da sección de pesca da Federación Europea de Traballadores do Transporte (ETF), Juan Manuel Trujillo; e o responsable do sector do mar de CCOO Galicia, Ricardo Valeiras Grana.
O concelleiro do Mar do Concello de Viveiro, Jesús Fernández Fernández, presidiu o acto de clausura deste IV Congreso de Pesca Artesanal do Cantábrico-Noroeste, no que tamén interviron Alicia Villauriz Iglesias (Secretaria Xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación), Mercedes Rodríguez Moreda (Directora Xeral de Pesca da Xunta de Galicia) e José Basilio Otero (Presidente da Federación Provincial de Confrarías de Lugo e da Federacion Nacional de Confrarías). Tamén asistiron José Manuel Balseiro Orol (Delegado Territorial de Lugo de la Xunta de Galicia) e diferentes representantes das organizacións de pesca de Lugo, Porto de Celeiro, Absa Burela, OPP-07 e OPP-77.
