A Mariña, 22 de xaneiro de 2019. A Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense promocionará a súa oferta turística como xeodestino na próxima edición de Fitur que arranca este mércores, 23 de xaneiro, en Madrid.
Farao, por un lado, na presentación que terá lugar o próximo xoves ás 18horas no stand de Turismo de Galicia baixo o título A Mariña Lucense, máxica por natureza e na que, ademais do presidente da Mancomunidade Alfredo Llano, intervirán tamén o delegado da Xunta en Lugo, José Manual Balseiro, e o presidente da Deputación Provincial, Darío Campos.
Para a ocasión presentarase un vídeo realizado por Vagalume Audiovisual no marco do convenio firmado coa Axencia de Turismo de Galicia. Ten unha duración de dous minutos, que dunha forma dinámica mostra os atractivos turísticos, o que é e o que ofrece A Mariña Lucense. Nese vídeo pódese gozar da beleza do Camiño Norte de Santiago e do Camiño Natural Ruta do Cantábrico, a natureza e as incribles paisaxes, os deportes náuticos, o sendeirismo, o trail ou a bicicleta de montaña, a gastronomía, o patrimonio cultural, o xeoturismo, as festas e festivais, as praias e costa, a cultura mariñeira ou a artesanía.
Nesta presentación a Mancomunidade fará fincapé na rica diversidade, versatilidade e autenticidade deste xeodestino, puntos clave na súa diferenciación, co obxectivo de promocionar A Mariña Lucense como un destino a onde viaxar en calquera época do ano.
Durante a celebración de Fitur a Mancomunidade promocionará aqueles principais atractivos, características e produtos como pode ser a Ruta da Faba, a creación de experiencias para a comercialización do destino do GDR – Terras de Miranda, as audioguías teatralizadas da Mariña Lucense, as Rutas de Artesanía ou A Mariña Virtual, entre outros.
O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña contou que “onte tivemos unha reunión da Mancomunidade, coa participación de representantes de practicamente todos os concellos, e estivemos visualizando o vídeo que vamos presentar o xoves ás seis da tarde en Fitur. É un traballo audiovisual que gustou a todo o mundo, está ben feito e recolle algo da esencia dos 16 concellos que conformamos a Mancomunidade. Tamén estivemos falando de buscar a mellor maneira de facernos ver, as intervencións que vamos realizar e desde logo vamos movernos todos, tanto a xerente de turismo como todos os alcaldes e concelleiros que vaian a Fitur, para dar a coñecer a comarca, falar con operadores turísticos, con persoas que nos poden botar unha man para dar a coñecer A Mariña e despois asistir ás presentacións institucionais que se fagan da provincia de Lugo”. E engadiu: “procuraremos que os días 23, 24 e 25 de xaneiro, cando imos estar alí presentes, entre todos enfocar ben a zona da Mariña con respecto a turismo e a todo o que sexa vantaxoso para motivar a que nos visiten. É o que vamos procurar facer eses tres días en Fitur”.
A xerente e o presidente da Mancomunidade manterán reunións con operadores turísticos co obxectivo de mellorar a presenza do destino e para que valoren incluír A Mariña Lucense entre a súa oferta, ademais de presentarlles toda a variedade de recurso, produtos e servizos turísticos deste xeodestino.
Ademais da presentación da Mancomunidade, A Mariña Lucense tamén se promocionará ata en nove ocasións máis dunha forma ou doutra da man da Deputación de Lugo coa presentación Provincia de Lugo: mucho por celebrar, da Xunta de Galicia coas presentacións de Cascos históricos de Galicia, dentro das Semanas Santas de Interese Turístico de Galicia, de Fest Galicia sobre os festivais da comunidade, da WAOH Route! Turismo de buceo en Galicia, da Asociación de Empresarios de Hostelería e Turismo da Provincia de Lugo coa presentación da Nueva Edición da Guía Gastronómica “…E PARA COMER LUGO”, da Consellería de Medio Ambiente con Árboles singulares de Galicia e do Concello de Ribadeo coa presentación do Ribadeo Indiano na Casa de Galicia.
