Ribadeo, 15 de xaneiro de 2019. A axenda cultura do primeiro trimestre de 2019 en Ribadeo inclúe charlas, teatro, cine, danza, música e unha chea de actividades para os máis pequenos e pequenas dentro do denominado programa Apego. As compañías Chévere e Contraproduccións pasarán pola vila estes meses e coa gaiteira Susana Seivane o Concello renderalle homenaxe a Rosalía de Castro.
A obras de Suso Peña protagonizará as portadas das catro axendas trimestrais de Ribadeo este ano. O concelleiro de Cultura, Farruco Graña, explicou que “queremos homenaxear ao noso artista universal nesta ocasión. Haberá máis actos referidos a el, pero queremos comezar esta axenda cunha imaxe de Suso Peña, que evoca moi ben a época na que estamos”.
O edil nacionalista dixo que “unha vez máis convidámolos a seguir a nosa programación cultual trimestral, que organizamos tendo en conta os parámetros habituais: a variedade de ámbitos artísticos, a atención ao próximo, tamén ás linguaxes contemporáneas e por suposto a calidade das propostas. Comezamos esta presentación con dúas interesantes charlas divulgativas de diferente signo. A primeira é a promovida e impartida tamén polo profesor Antonio Gregorio conmemorando que a Galipedia cumpre 18 anos. As persoas interesadas poden achegarse á Casa das Letras o vindeiro xoves, 17 de xaneiro, ás 20.00 horas. A segunda é una charla sobre o testamento vital que terá lugar este sábado ás 19:30 horas na Casa das Letras. A Asociación Dereito a Morrer Dignamente organiza este encontro divulgativo para mostrarnos como facer o noso testamento vital e deixar establecido que non desexamos prolongar a nosa vida innecesariamente e causándonos unha dor que para nada compensa un minuto máis de vida”. Van intervir nesta charla Carmen Fernández Casavella, médica e membro de Dereito a Morrer Dignamente (DMD) e Ascensión Cambrón Infante, presidenta da Asociación DMD en Galicia e Doutora en Filosofía do Dereito. Presentará o acto o concelleiro de Cultura, Farruco Graña.
O concelleiro de Cultura sinalou que “o apartado musical comeza este venres, día 18, ás 21:00 horas oras co concerto no Teatro de As cantigas de Elena. Trátase de cancións tradicionais con intérpretes de ampla experiencia, algúns deles de raíces ribadenses. E venres e sábado están tamén ocupados co IV Curso de Música Tradicional de Ribadeo, que organiza a Asociación Ronqueta e co que o Concello colabora”.
Graña seguiu a relatar que “como ben saben todas as persoas que seguen o mundo cultural en Ribadeo somos dos Concellos que celebran o Día de Rosalía de Castro. Desta vez, unha intérprete de luxo e que nunca actuou na nosa vila será a encargada do acto de homenaxe á autora de Padrón. O 23 de febreiro terá lugar no Auditorio Municipal Hernán Naval un concerto da gaiteira Susana Seivane coa presentación do seu último traballo Fa”.
O edil ribadense contou que “seguimos a darlle presenza tamén ao noso cinema. O ciclo Un ollo de vidro acolle dúas proxeccións neste trimestre que van ter lugar no Teatro. Son Nove de Novembro, de Lázaro Louzao e Vigo 1972, de Roi Cagiao. Nove de novembro é o primeiro filme rodado en galego sobre unha relación homosexual e Vigo 1972 recolle a xeito de documental a folga xeral dese ano na cidade olívica”. Nove de novembro proxectarase o 26 de xaneiro e Vigo 1972 o 29 de marzo”.
A programación cultural de Ribadeo para o primeiro trimestre de 2019 inclúe teatro “para o público adulto hai dous grandes nomes no panorama teatral galego que forman parte das propostas do trimestre. Primeiramente, Chévere preséntanos Eroski Paraíso. Miguel de Lira e Patricia de Lorenzo protagonizan esta comedia documental da man do excepcional xeito de facer da compañía. En 1.993 na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, estreábase Commedia, un xoguete para Goldon, un espectáculo que acabou sendo un dos fitos do teatro galego. Cándido Pazó dirixe este clásico sobre a comedia da arte protagonizado por Víctor Mosqueira, Marcos Orsi, Avelino González, Nuria Sanz, César Goldi e Sergio Zearreta”.
Farruco Graña engadiu: “e rematamos coas propostas do proxecto Apego, que aglutinan as actividades para nenas e nenos. Falamos primeiro de dous eventos ligados a esa grande artista mariñá que é Ugía Pedreira. O último domingo do mes de xaneiro ás 17.30 horas no Teatro impartirá un obradoiro de arrolos para nais e pais e para bebés de 0 a 3 anos. As prazas son limitadas, tanto para nenos como para acompañantes polo que é preciso que as familias interesadas se inscriban no enderezo electrónico da Concellaría de Cultura cultura@ribadeo.org. E ao mesmo tempo Ugía Pedreira forma parte de A comuna del barruzo, o primeiro libro disco para nenas e nenos na variante do galego que se fala en Asturias. A ilustradora ribadense Mónica Justo acompaña neste proxecto á Ugía Pedreira, así como o músico bretón Pierrot Rougier. É un disco pódese dicir que de irmandamento con banda de alá do Eo, pois participan poetas asturianos como Héctor Acebo, Quique Roxíos ou Belén Rico, asemade do veigueño Abel Pérez na produción. A presentación desta obra vai ser na sala de lectura infantil coa que conta a Biblioteca Municipal El Viejo Pancho. Unha mestura de danza tradicional e contemporánea para público familiar é o que nos vai traer Fran Sieira. Compañía de danza neste noso empeño de atender diversos ámbitos artísticos e tendo en conta que na nosa EMMeD hai unha materia de danza con grande éxito. A grande novidade van ser as sesións feitas en colaboración co Centro de Día A Concordia, o ciclo de Educación Infantil do CIFP Porta da Auga e a Escola Infantil Nosa Señora do Campo. Comezan no mes de marzo as sesións de Os anos que achegan, un espazo común de nenas, nenos e persoas maiores arredor do cariño e a interacción tendo a transmisión do noso idioma como fío condutor”.