Este 25-A, aniversario da revolución portuguesa dos cravos, partillaron Anxo Quintana ( vicepresidente da Xunta-BNG- entre 2005 e 2009) e Artur Màs (presidente da Generalitat de Catalunya entre 2010 e 2015) un debate sobre a plurinacionalidade do estado vista dende Catalunya e Galicia, organizada polo Grupo Aberto de Marín.
Más laiouse de que na mellor conxuntura política posíbel, cun goberno estatal das esquerdas españolas que precisa do alicerzamento dos soberanistas da GALEUSCAT, o estado non avanza cara ao recoñecemento da súa plurinacionalidade, que o anterior lehendakari Urkullu coidaba posíbel achegar dende unha mutación constitucional de feito a medio da aprobación de potentes leis orgánicas polos partidos da maioría da investidura. Mais Sánchez non foi quen mesmo nin de derrogar a “lei mordaza”, nin a de gobernos locais que limita substancialmente a autonomía local dos concellos e mesmo afecta os seus superávits aos diktats do goberno do estado.
Anxo Quintana concluiu que o recoñecemento da plurinacionalidade do estado nunca virá da política española, senón da hexemonía ou, cando menos, dunha importante presenza dos soberanismos catalán, galego e vasco na gobernanza e representación de cadanseus países. Ademais, suliñou que o artellamento plurinacional do estado non será só positivo para as nacións de GALEUSCAT, senón para a arquitectura democrática española no seu conxunto, mentres afirmaba que, a rentes de pouco máis do 5% do PIB e poboación estatais Galicia é a nación que precisa dun meirande grao de autogoberno, porque os seus problemas e retos para o estado son periféricos e mesmo prescindíbeis.
O grao de confusión conceptual na opinión pública a respecto da plurinacionalidade e termos intimamente vencellados a ela como soberanía, autogoberno, estado federal ou confederación é tan espallado que mesmo no posterior faladoiro xurdiu dunha persoa ben estudada a pregunta de que diferenzas existían entre o autogoberno pleno no seo do estado plurinacional do que falaban Màs e Quintana a respecto do actual grao de estado federal de feito.
Con bo criterio Màs rexeitou que o estado español fose federal ou quasifederal, nomeadamente pola falla dunha blindaxe competencial, dun veto a que o estado limite a medio dun árbitro caseiro como o Tribunal Constitucional o ámbito de autonomía recoñecido estatutariamente. A esta chata cumpriría engadirlles á da falla dun poder xudicial galego, catalán ou vasco (como teñen os EUA, Canadá, Suiza, Australia ou Alemaña) , a da falla dun Tribunal Constitucional de elección paritaria entre o Poder estatal e os Poderes das nacións sen Estado e a total exención de inmisións estatais na organización territorial e gobernanza local de Galicia e das outras nacións do Estado.
Mais, de se reformar o estado para introducir as devanditas reformas para introducir todas as ferramentas federais estaremos diante dun estado plurinacional? Pois cómpre dicir que esas reformas son precisas, mais non serían abondas. No caso do estado español, a plurinacionalidade recoñeceríase ,canda as devanditas reformas federais, introducindo tamén elementos de clara cosoberanía confederal. No caso de Galicia as cuestións de lingua e política lingüística, cultura e políticas culturais, Dereito Civil galego e máis réxime e gobernanza locais e organización territorial haberían ser recoñecidas da competencia exclusiva e excluínte do Poder Galego, de xeito que O Poder estatal non puidese actuar nese perímetro de xeito ningún. Ademais, o outro elemento confederal, canda ese núcleo competencial exclusivo e excluínte, habería ser o de termos a chave da caixa (en aqueladas verbas da líder do BNG, Ana Pontón), é dicir o recoñecemento da plena capacidade na xestión, recadación, liquidación e inspección dos tributos todos para o Poder Galego, que habería liquidar a cota correspondente polos servizos que desenvolve no noso territorio o estado, como lle liquidan adoito Euskadi e Nafarroa sen que por iso rematara o mundo nin caeran doentes as xentes deses territorio, senón que pola contra adoitan desfrutar de máis benestar ca nós.
Velaí que o estado plurinacional sexa unha proposta soberanista que, partindo do dereito a decidir, propoña un réxime de cosoberanía operante tamén no nível europeo e ben afastado de propostas arredistas. Claro é que, como escribiu Castelao no exilio arxentino, a continúa negación dos dereitos nacionais e do dereito ao benestar de Galicia- ou de Catalunya-xera desafección e desconfianza sobre a posibilidade dunha fórmula de cosoberanía que mesmo, na opinión de Quintana, melloraría moi substancialmente a calidade democrática e das liberdades no conxunto do estado.

















As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O percorrido comeza nun lugar simbólico: as pontes sobre o río Sor, que unen as provincias da Coruña e Lugo e marcan un dos vértices do territorio lucense. Con esta iniciativa, Guido Guía propón unha travesía pola diversidade paisaxística, histórica e humana da provincia, destacando a riqueza dos seus espazos naturais, monumentos e comunidades.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.
A cita será o luns 19 de outubro, ás 17:30 horas, cun punto de encontro no peirao de San Cibrao. Ademais, os diferentes edificios municipais iluminaranse de cor rosa para sensibilizar á poboación sobre a importancia da detección precoz, fundamental para mellorar o prognóstico e a supervivencia das pacientes que padecen esta enfermidade.
O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
No encontro, abordáronse temas como a posibilidade de colaborar na mellora da formación dos traballadores, destacando a importancia que ten ese aspecto neste sector estratéxico para Galicia. Tamén se trocaron puntos de vista relativos ás condicións laborais dos profesionais do mar.



