Ribadeo 24-1-19. As continuas e importantes subas da luz deron como resultado que a primeiros deste ano os españois paguemos o recibo máis caro de toda a Unión Europea. Sexa cal sexa a razón destas subas -ás veces achacadas ás secas, outras ás vagas de frío ou de calor, outras á falla de vento, ou ás subas do prezo do petróleo- teñen a particularidade de que non son reversibles. Remata o frío ou o calor, remata a seca ou baixa o prezo do petróleo, pero a luz xamáis recupera o prezo orixinal.
A combinación da suba imparable do recibo e a precariedade que trouxo a crise -para nunca recuperarnos dela- deu en estender ás clases populares un fenómeno que antes afectaba a sectores moi marxinais da sociedade: a pobreza enerxética. Persoas que mesmo cobrando un salario ou unha pensión non poden permitirse manter a casa a unha temperatura saudable.
A solución proposta polos gobernos -Bono Social- atópase con barreiras informativas e administrativas que impiden ás persoas que poden ter dereito a el coñecer que é así, e obríganas a complexas tramitacións que fan que só unha minoría delas consigan finalmente beneficiarse.
De todo isto falaremos o vindeiro xoves 24 de xaneiro ás 19:00 na Casa do Mar, na xornada “O Timo da Luz” organizada pola agrupación local de En Marea en Ribadeo. Contaremos para ilo coa presenza de Pancho Casal, deputado de en Marea e membro da Comisión de Industria é Enerxía do Parlamento Galego. Pancho é enxeñeiro superior industrial na especialidade de electricidade e foi director de mantemento de centrais hidráulicas de Unión Fenosa antes de ser elixido no 2016 deputado por En Marea.
Tras develarnos as causas do elevado prezo da luz no país, Pancho explicará as diferentes tarifas e contratos e como elixir a mellor para nós aforrar, e finalmente tratará tamén do tema do Bono Social. Ó remate da charla resolveranse as dúbidas persoais ás asistentes sobre a súa factura da luz, para o que se recomenda levar da casa a última factura recibida