Barreiros, 19 de febreiro de 2019.-A Xunta de Galicia organizou, en colaboración coa Asociación de Hostalería de Barreiros, unha xornada informativa sobre as axudas que convoca a administración autonómica para emprendedores, autónomos e pequenas e medianas empresas (pemes), con especial fincapé nas orientadas a incentivar a mellora de aloxamentos turísticos que xa se están poñendo en marcha.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou que esta sesión informativa “servirá de guía para que as persoas interesadas poidan coñecer as distintas liñas de axudas promovidas por Turismo de Galicia, o Instituto Galego de Promoción Económica, a consellería de Emprego ou o Grupo de Desenvolvemento Rural. En definitiva, apoios que o Goberno galego porá en marcha ou están en prazo de solicitude para realizar inversións, obras, gañar en liquidez, contratar persoal e consolidar un proxecto de negocio”.
Balseiro fixo especial referencia ao sector turístico e animou aos empresarios do ramo a informarse sobre a posibilidade de adherirse a algún dos distintos programas de apoio que na actualidade teñen aberto o seu prazo de convocatoria, e que nalgúns casos poden chegar a financiar máis do 70% do investimento previsto.
Balseiro e a xestora da asociación de hostaleiros de Barreiros, Tamara Rubiños, presidiron a xornada na que técnicos de diferentes áreas explicaron as liñas de apoio que impulsan, entre outros, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape); a Consellería de Cultura e Turismo e a Consellería de Economía, Emprego e Industria.
Plan MAT
Neste momento, dentro do denominado como plan MAT, de Mellora de Aloxamentos Turísticos, están abertas as dúas primeiras ordes de subvencións, dotadas con 4 millóns de euros.
Por unha banda, o Igape impulsa o programa Reforma TUR 2019, para facilitar a mellora e modernización de servizos de hoteis, hoteis balneario e hoteis talaso cun máximo de 40 prazas, así como instalacións de turismo rural e albergues privados situados no Camiño de Santiago. Este programa permitirá aos propietarios rebaixar á metade os gastos de compra de materiais para a execución de reformas, ao achegar axudas que cobren o 25% e sumar outro desconto do 25% a facer polas empresas adheridas ao programa.
As axudas públicas poderán acadar os 25.000 euros por titular e establecemento. Os prazos para a presentación de solicitudes de axuda están abertos para as entidades colaboradoras desde o 29 de xaneiro e ata o 28 de marzo, mentres que os locais hoteleiros disporán desde o 28 de febreiro ata o 30 de abril para a presentación.
Actuacións de mellora de infraestrutura hoteleira
Pola súa parte, a Consellería de Cultura e Turismo ten aberta a orde de subvencións para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento regrado da Comunidade, que poderá cubrir investimentos dirixidos a mellorar a accesibilidade; obras para optimizar as instalacións coa finalidade de obter certificacións de calidade; actuacións para incrementar a clasificación do establecemento ou para mellorar a súa eficiencia enerxética, entre outras.
O investimento neto admitido por cada proposta será de ata 100.000 euros. Os proxectos poderán acadar unha subvención de ata o 35% sobre o orzamento do investimento subvencionable. Polo tanto, o importe máximo da axuda a cada entidade beneficiaria será así de 35.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 28 de febreiro.
Outras ordes de axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria de interese para o sector que se abordaron na xuntanza foron a de promoción do emprego autónomo para empresas de nova creación; a de contratación indefinida de persoas asalariadas e a de consolidación de proxectos empresariais.