Foz, 7 de febreiro de 2019.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, participou hoxe na presentación da duodécima edición do Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería e a sétima edición dos Campionatos Internacionais de Baristas Profesionais e de Cata de Cafés das Escolas de Hostalería, que se celebrarán no Instituto de Educación Secundaria (IES) de Foz entre os vindeiros días 13 e 15 de febreiro.
Balseiro sinalou que estes campionatos “son un referente en todo o Estado” e “unha plataforma para os alumnos e profesionais do sector do café de cara á súa proxección no mercado laboral”. Neste sentido, explicou que estes eventos poñen en evidencia que “a calidade está en relación directa coa formación e a profesionalidade”, o que significa que “se baseamos a nosa oferta turística na calidade, temos que confiar nos profesionais en todos os ámbitos, tamén no da hostalería e a restauración”.