Foz, 28 de novembro de 2019.- O delegado territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Balseiro, trasladou á propietaria do inmoble de San Martiño (Foz) afectado por un incendio as liñas de apoio que a administración autonómica ten previstas ante sinistros desta natureza.
En particular, o delegado puxo a disposición da afectada os servizos de apoio da administración autonómica tanto para solucionar a necesidade inminente de vivenda como para, no seu caso, valorar a reconstrución do inmoble danado polo lume.
No primeiro dos casos, Balseiro comunicou que existen dúas posibles alternativas: En primeiro lugar, optar polo bono alugueiro social. Neste caso, a propietaria podería alugar calquera vivenda da súa elección e recibir unha axuda da Xunta de 200 euros ao mes durante 3 anos.
Ademais, poderáselle conceder unha axuda complementaria, para os efectos de atender as obrigas derivadas da constitución de fianza e da alta en subministracións, ou para gastos de mudanza, nese caso por un importe adicional e único de 600 euros.
Como segunda proposta o Instituto Galego de Vivenda e Solo ofrécelles unha vivenda de promoción pública, a través do sistema de adxudicación directa. Neste caso hai inmobles vacantes dispoñibles en Cervo, Barreiros e Lourenzá.
Finalmente a Xunta tamén trasladou que existen axudas dirixidas á rehabilitación da vivenda sinistrada, a través de dúas vías: as subvencións dos programas de rehabilitación de vivendas e, no seu caso, o programa de préstamos cualificados, cos que afrontar o custe das obras necesarias para recuperar o inmoble incendiado.
O delegado lembrou que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda habilita recursos “para atender con dilixencia casos de emerxencia como o que sufriu esta veciña de Foz, a quen lle corresponde valorar se precisa facer uso dos mesmos”