Lugo, 6 de decembro de 2019.- A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, destacou hoxe, no acto conmemorativo do 41 Aniversario da Constitución Española, a importancia de preservar os valores de liberdade, xustiza, igualdade e pluralismo político proclamados pola Constitución, dos que dixo que “seguen a ser os principios inspiradores para os cidadáns que aspiramos a construír unha sociedade mellor, na que non teñan cabida o odio, a discriminación nin lacras como a violencia machista”.
Isabel Rodríguez presidiu o acto institucional celebrado esta mañá na Subdelegación de Goberno no que estivo arroupada por unha ampla representación institucional e da sociedade lucense, encabezada pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; a secretaria da Mesa do Parlamento Galego, Raquel Arias; o presidente da Deputación provincial, José Tomé; o delegado da Xunta, Xosé Manuel Balseiro; o presidente da Audiencia Provincial, José Antonio Varela Agrelo, e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Tamén asistiron deputados, senadores e parlamentarios autonómicos, representantes da Universidade, as forzas de seguridade e o bispo de Mondoñedo-Ferrol, monseñor Luis Ángel de las Heras, entre outras autoridades e representantes da sociedade lucense.
No seu discurso, a subdelegada do Goberno agradeceulles a súa participación na celebración e considerou que “supón a renovación do compromiso da sociedade lucense, á que representades, coa defensa dos principios e valores representados pola Constitución” e lembrou que a Carta Magna “que permitiu homologarnos coas democracias europeas, naceu froito do consenso, en resposta a unha demanda social e pola responsabilidade que demostraron os representantes políticos nun momento crítico para o país”.
A subdelegada lembrou que hoxe festexamos “o pacto co que a sociedade española decidiu, hai xa 41 anos, apostar pola concordia e o diálogo como medio para resolver os problemas que van xurdindo en calquera comunidade” e asegurou que “demostrou ser un magnífico medio para garantir o Estado de Dereito e a convivencia pacífica”.
Para Isabel Rodríguez “a norma básica da que nos dotamos os españois para regular a nosa convivencia non é unha meta, senón un instrumento vivo”, como demostra o feito de que “a propia Constitución contempla os procedementos de reforma ou de revisión para poder ir adaptando o texto ás novas realidades e retos que se lle plantexan á sociedade”.
Logo de recordar que “a Constitución proclama, no seu Título preliminar, que España se constitúe nun Estado social e democrático de Dereito, que propugna como valores superiores do seu ordenamento xurídico a liberdade, a xustiza, a igualdade e o pluralismo político”, Rodríguez indicou que “esta declaración, 41 anos despois, non perdeu vixencia nin actualidade. A liberdade, a xustiza, a igualdade e o pluralismo político seguen a ser principios inspiradores para os cidadáns que aspiramos a construír unha sociedade mellor, na que non teñan cabida o odio, a discriminación nin lacras como a violencia machista”.
Isabel Rodríguez declarou que “vivimos un estraño momento no que xorden voces que se permiten poñer en cuestión o valor do diálogo, do respecto e ata dos dereitos humanos. Pero eu teño confianza en que a madurez da sociedade española saberá facerlles fronte e a nosa democracia sairá reforzada deste reto. A grandeza da democracia estriba en que nos ampara a todos e a súa fortaleza depende da nosa capacidade para o respecto ao diferente e a aposta polo entendemento”.
“Fago votos porque sigamos avanzando na dirección emprendida hai 41 anos, sen desandar o camiño andado”, remarcou a subdelegada do Goberno, que apelo á “concordia e ao diálogo como medio para resolver os problemas.
CONDECORACIÓNS
No acto tamén se entregaron seis condecoracións coas que foron distinguidos seis empregados públicos, aos que a subdelegada expresou o seu agradecemento “polos servizos prestados á cidadanía lucense e por facer da nosa provincia un lugar mellora para vivir”.
As persoas condecoradas foron as seguintes:
A encomenda da Orde do Mérito Civil outorgada polo ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación coa que se recoñeceu ao inspector xefe xubilado da Brigada Provincial de Información da Policía Nacional a José Ramiro Díaz Rodríguez, pola súa traxectoria profesional durante os 42 anos de servizo.
E a medalla de bronce con distintivo azul de Protección Civil concedida polo ministerio do Interior aos sarxentos da Garda Civil Raquel Iglesias Vila e Ángel López Rodríguez, así como ao policía nacional da Comisaría de Lugo José Gustavo Souto Rodríguez, e a Manuel López Campos, que é persoal laboral da Comisaría da Policía Nacional de Monforte de Lemos,
A sarxento Raquel Iglesias Vila, comandante do posto de San Román de Cervantes, foi distinguida polo labor que desenvolveu durante os incendios forestais rexistrados nese concello no mes de outubro de 2017.
Ao sarxento Ángel López Rodríguez, comandante do posto da Pontenova, recoñéceselle o seu comportamento exemplar e nomeadamente o auxilio que lle prestou no pasado mes de maio a unha anciá que ten mermadas as súas facultades e estaba pechada na casa en condicións insalubres.
O policía nacional José Gustavo Souto Rodríguez foi concedorado pola súa dedicación profesional e en recoñecemento á meritoria labor prestada ao salvarlle a vida a unha persoa o pasado mes de abril.
E o empregado da Comisaría de Policía de Monforte Manuel López Campos concedeuselle a medalla porque grazas á súa rápida actuación salvou a vida unha muller vítima dun incendio rexistrado nunha vivenda o 10 de setembro de 2017.
Trala entrega das medallas e o discurso da subdelegada do Goberno, o acto conmemorativo do 41 aniversario da Constitución rematou coa interpretación dos himnos de Galicia e de España.





















O actor e humorista continuará a súa xira pola comarca e presentará esta mesma proposta en Burela o venres 27 de marzo, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura. O monólogo combina imaxes e historias, con contidos novos e outros xa coñecidos, sempre cun humor moi persoal. A función está recomendada para maiores de 14 anos e as entradas, a 5 euros, poderán adquirirse no despacho de billetes desde unha hora antes. O evento conta coa colaboración do Concello de Burela, a Xunta de Galicia, a Agadic e a Rede Galega de Teatros e Auditorios.
A Guía Repsol destaca 24 locais galegos como Soletes de primavera para gozar nesta Semana Santa. Galicia suma xa 357 establecementos recoñecidos con este distintivo, que non se renova nin se revalida, senón que se concede como categoría única. Na provincia de Lugo figuran seis Soletes: ‘Caserío Meiroi’ (Navia de Suarna), ‘Ebos’ (Vilalba), ‘Faragullas’ (Mondoñedo), ‘La Salina’ (Sarria), ‘Ramón’ (Lugo) e ‘Trespés’ (Monforte de Lemos).
López agradeceu á Academia Galega do Audiovisual por escoller Lugo e destacou a importancia do evento para visibilizar o talento local e o apoio provincial ao sector. A gala contou cunha ampla representación lucense: Nuno Pico e Xaime Miranda polo videoclip Antes fun moi malo; Fran Fórneas e Sergio Marey por Ferido do Xoán; Sabela Ramil e Andrea Mesa por Non cho podo dar; o dúo Fillas de Cassandra; e o burelés Breixo Llano, do equipo de Cos pés na terra. Ademais, a película Sirāt, do naviego Oliver Laxe, foi unha das grandes favoritas con 14
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.
Habilitarase o Rego das Flores. Desde o Concello recoméndase á cidadanía ter en conta esta incidencia nos seus desprazamentos mentres se manteña a restrición.
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
Será un concerto acústico e intimista, pensado para gozar da súa música nun formato próximo. Entrada libre ata completar aforo.



