Despréndese da recente carta da alcaldesa certo malestar debido a un escrito anterior no que eu resaltaba a falta de xestión do Concello, que, segundo o meu modo de entender, é evidente. Quero dicirlle que en ningún momento se me ocorrería falar da súa persoa, entre outras cousas porque non quero, non debo e non é ese o meu talante.
En primeiro lugar vexo que segue na súa liña de facerse a vítima e creo que, nestes intres, xa non lle cola ese conto á veciñanza, porque a xente de Viveiro comprende que iso non chega. Viveiro precisa feitos para saír da parálise que padece; non se poden deixar pasar as décadas e ter un casco histórico cun 50% de inmobles co letreiro de “véndese ou alúgase”e outros moitos en ruínas, ademais dun paseo marítimo con valos durante anos, polo seu mal estado. E que dicir do rural, carente do máis necesario, como comprobará se dá unha volta pola estrada de Riaño, ou como esquecer a praia de Covas, que máis que praia parece una selva tropical.
Quérolle dicir, alcaldesa, que hai parroquias, como Celeiro, nas que a inversión é mínima, e, como consecuencia, favorécese o despoboamento, que se está a producir a pasos axigantados. Por poñer outro exemplo de como afecta a falta de xestión de vostede, hai un barrio como o de Cantarrana totalmente descoidado e deshumanizado; numerosos lugares sen saneamento e algúns sen servizo municipal de auga potable. Ten demostrada unha incapacidade total para definir a tan ansiada circunvalación, para levar a cabo o PXOM e un largo etcétera co que poderiamos encher un feixe de folios. Mire alcaldesa, despois de ler a súa carta dúas ou tres veces, sigo pensando, como o primeiro día, que recoñece que a súa xestión é nula; iso si, botándolle sempre a culpa os demais, pero nula.
Tamén fala vostede dunha comisión de Urbanismo á que se me citou para falar do PXOM e di, entre interrogantes, que quedei calado; o raro é que non quedara mudo ao escoitar que, despois de 15 anos, as recomendacións da empresa encargada son comezar de novo. Paréceme un auténtico fracaso político, mírese por onde se mire. Sei que para vostede sempre será culpa de terceiros, non obstante sempre será un fracaso político.
Se me permite, suxírolle esta reflexión: Unha cidade que non medra nos tempos nos que nos toca vivir, será una cidade que mingua, xa que o resto si medra e por conseguinte a distancia agrándase día a día.
Por outra banda, quero dicirlle que nunca nos vai dar leccións de formas, xa que consideramos que as malas maneiras son un modo máis de prepotencia e ese concepto non entra dentro da nosa filosofía como grupo. O que si deberá facer vostede é analizar o porque de que xa van dous plenos nos que se permite dicir que “ os veciños danlles as queixas a vostedes pero vótannos a nós”; iso si que é, como di o noso compañeiro Bernardo Fraga, un acto de soberbia e, por suposto, a soberbia é unha mala compañeira de viaxe.
Mire alcaldesa, nós imos seguir facendo oposición e dentro de seis meses falaremos outra vez do estado xeral do municipio; gustaríame ter que cambiar entón de opinión, porque querería dicir que as cousas van ben en Viveiro. Pero moito me temo que imos seguir como ata agora, ou sexa, na catarse, e iso é moi perigoso xa que o tempo corre moi a presa.
Un respectuoso saúdo, alcaldesa, e os meus mellores desexos dun bo ano para vostede e para todos os viveirenses, que saben que nos poden facer chegar as súas inquedanzas coa seguridade de que as defenderemos todo o que nos sexa posible.
Óscar Rodríguez.
Portavoz do Grupo Municipal do PP en Viveiro



















Será o sábado 23 de maio, nas Letras no Campo, Feira do libro ribadense, nun acto no que estará acompañado de Suso Fernández Acevedo.
O acto terá lugar o vindeiro luns 18 de maio, coincidindo coa celebración do Día Internacional dos Museos, unha data sinalada para poñer en valor o patrimonio cultural e mariñeiro do concello. Tras un período de traballos de mellora e adecuación, o museo —un referente na comarca— reabre para ofrecer ás persoas visitantes unha viaxe inmersiva a través da herdanza mariñeira, da industria conserveira e da estreita relación das súas xentes co Cantábrico.
Nesta ocasión participará Susana Vázquez Fernández, coach de saúde emocional e facilitadora en procesos de duelo e perda, que impartirá o faladoiro “Xestión do ánimo”, centrado en técnicas de relaxación, pensamento positivo e coidado da saúde mental para mellorar o benestar emocional. A actividade está aberta á veciñanza e busca crear un espazo para compartir, aprender e coidarse en comunidade. Conta co apoio e colaboración da Asociación de Xubilados Terramar.
Unha obra para todos os públicos. Hora: 20.00. Entrada libre ata completar aforo, non é necesario facer reserva de entradas.
O mozo ciclista continúa a demostrar o gran nivel desta tempada, na que suma xa un primeiro posto e un terceiro nas últimas probas das Escolas de Ciclismo da Federación Galega. Uns resultados que reflicten o seu esforzo, constancia e paixón polo deporte. O Concello tamén quixo poñer en valor o traballo do club Medela MTB, pola súa aposta pola formación e polo deporte base, acompañando aos máis novos no seu crecemento deportivo e persoal. Desde Cervo trasladan os parabéns a Mateo e á familia Medela, e destacan o orgullo polos éxitos e pola excelente tempada que están a realizar.
O encontro incluíu sesión vermú amenizada polo Dúo The Poker e unha comida popular con empanada, embutido, croquetas, xamón cocido, tenreira asada e sobremesa. Pola tarde continuou a música e realizáronse sorteos de agasallos achegados polas asociacións colaboradoras. A iniciativa foi organizada pola Asociación O Castelo, en colaboración coas asociacións parroquiais e o Concello de Alfoz, que agradeceron a ampla participación. Durante a xornada tamén houbo un momento de lembranza para Jorge Val, exalcalde falecido hai un ano, destacando o apoio que brindou ás asociacións locais.
Celebrarase o venres 29 de maio ás 17:00 h e será gratuíta. Abordará o papel dos poliquetos no ecosistema mariño, as súas características e os riscos do uso de especies exóticas, con proxeccións e maquetas de varias especies empregadas como cebo. Impartiraa o grupo BIOCOST da Universidade da Coruña e está organizada por Posta de Encontro xunto con RedeMar, Xunta de Galicia, Federación Galega de Confrarías e a UDC. Reservas: WhatsApp no 634 97 08 86; 982 13 19 23; buenas@capturaspesca.com ou directamente na tenda Capturas Pesca, onde se celebrará o evento (Av. Leopoldo Calvo Sotelo 49, Ribadeo).



