Lugo, 5 de marzo 2020. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este xoves na comisión de seguimento do convenio de colaboración coa USC para a construción da Granxa Experimental de Leite nas instalacións provinciais de Gayoso Castro. Este encontro incluíu unha visita ás novas dependencias xunto co reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, e nel constatouse que as obras de construción e de equipamento do centro están na recta final. A día de hoxe, a institución provincial ten en fase de licitación a pavimentación da explanada de acceso por un importe de 180.000€, unha mellora incorporada por este Goberno ao proxecto inicial que dotará á Granxa duns accesos axeitados.
Deste xeito, como informou José Tomé, a previsión é que o primeiro centro de investigación do sector lácteo da provincia poida acoller o vindeiro curso académico as primeiras prácticas universitarias, do alumnado da Facultade de Veterinaria e da Escola Politécnica Superior de Enxeñería.
Na comisión de seguimento do convenio entre a Deputación e a USC para crear a Granxa Experimental de Leite asistiron o Deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico; o secretario xeral adxunto da Deputación, José Antonio Mourelle Cillero; o director da Granxa Gayoso Castro, Miguel Fernández; o enxeñeiro técnico agrícola de Gayoso Castro, Jaime Caldeiro; o director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, Tomás Serafín Cuesta; o decano da Facultade de Veterinaria, Germán Santamarina; o xestor do Campus Terra da USC, Pedro Fiz Rocha; e a vicerreitora de coordinación do Campus, Montserrat Valcárcel Armesto.
Logo da reunión, os participantes que conforman esta comisión -integrada por tres representantes de cada unha das entidades- e o reitor da Universidade de Santiago supervisaron as instalacións da Granxa Experimental de Leite.
O Presidente subliñou que con este novo centro, enmarcado dentro da aposta da institución provincial polo sector primario como un dos principais motores da economía da provincia, “queremos contribuír dende a innovación e a investigación que achega o Campus Terra a que as explotacións leiteiras da provincia sexan máis rendibles e sostibles”. Deste xeito, o seu labor “servirá para afrontar retos importantes do sector, como aumentar o valor do produto, reducir os costes de produción ou favorecer o benestar animal”, asegurou José Tomé.
A Granxa Experimental de Leite cubrirá ademais unha parte importante das prácticas da Facultade de Veterinaria e da Escola Politécnica Superior, “o que supoñerá un plus de calidade na formación do alumnado, porque farán prácticas nun laboratorio vivo e real”, afirmou o Presidente.
O mandatario provincial lembrou que esta unidade experimental de leite “é unha peza máis da importante actividade que desenvolve a Deputación nas instalacións de Gayoso Castro, convertida hoxe xa nun referente e un motor para o sector primario da provincia”. Así, a Granxa alberga, gracias á colaboración da Deputación con ACRUGA, un labor de apoio á recría de becerras de raza Rubia Galega. Conta ademais co centro de recría de gando vacún de leite, no que son máis de 1.100 xatas de 50 explotacións gandeiras as que se están a recriar. Así mesmo, este ano a Deputación asinará un convenio con ASOPORCEL e co Campus Terra para crear tamén neste complexo unha granxa en impulso da raza Porco Celta.
Instalacións á vangarda
As obras de construción e equipamento da Granxa Experimental de Leite ascenden aos 2M€, dos cales a Deputación de Lugo achega o 65% -1,3M€- e a Universidade de Santiago, 750.000€. Cunhas instalacións construídas nunha finca de 15.500 metros cadrados de titularidade da Deputación, e ao pé da Granxa Gayoso Castro, a Granxa Experimental de Leite terá capacidade para 70 vacas produtoras e 12 secas. Contará cunha nave para gando de leite, cunha nave de maquinaria, un aulario (habilitado para 40 alumnos e alumnas e 20 prazas de persoal investigador), unha fosa de xurro e dous silos de formigón. Deses 15.500 metros cadrados, 4.400 metros cadrados utilízanse para as infraestruturas.
Instalouse unha sala de muxido que terá capacidade para dez cabezas de gando e que utiliza un robot, un mecanismo que se combinará co pastoreo, un sistema pouco común aínda en Galicia pero moi estendido noutras zonas de Europa e que permite diminuír os custes e valoriza o leite.
O centro conta cunha zona de observación, que facilitará a visión total da instalación, un aspecto útil á hora de desenvolver as prácticas.
Por outra banda, incorpórase un conxunto de medidas de benestar animal, entre as que se inclúen o cepillo rotativo, cornadizas, cubículos e galbanizados.




















Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos contra as 19:30 horas deste venres, a través dun particular que se atopaba no punto: un coche que participaba nunha proba de rallye en San Fiz de Paz (Outeiro de Rei) perdeu unha roda, e esta acabou golpeando a un espectador, quen precisaba asistencia sanitaria. De inmediato, desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Foi a propia organización do evento a que se fixo cargo do traslado.
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O percorrido comeza nun lugar simbólico: as pontes sobre o río Sor, que unen as provincias da Coruña e Lugo e marcan un dos vértices do territorio lucense. Con esta iniciativa, Guido Guía propón unha travesía pola diversidade paisaxística, histórica e humana da provincia, destacando a riqueza dos seus espazos naturais, monumentos e comunidades.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.



