Cervo, abril de 2020.- O venres 17 de abril, unha boa noticia chamou á porta da asociación de saúde mental A Mariña en forma de resultado negativo á proba do coronavirus para todas as persoas traballadoras e usuarias da entidade. A proba foi realizada o pasado domingo día 12 grazas ás facilidades ofrecidas pola directora do Hospital da Mariña, María José Cortés, e á axilización do Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro.
Dende a asociación queren, por tanto, mandar unha mensaxe de tranquilidade, ánimo e esperanza, á vez que recordan que os posibles casos positivos que se poidan dar nestes ou noutros centros, non son sinónimo de mala praxe, senón da dificultade de loitar contra un inimigo invisible tan poderoso. Non deixan de agradecer o esforzo que está a facer tanto o persoal traballador como as persoas usuarias e as familias para favorecer o bo desenvolvemento das actividades da entidade nun contexto tan adverso.
Dende o pasado 11 de marzo, dada a alerta sanitaria existente e aínda antes da declaración do estado de alarma, a asociación A Mariña comezou a extremar as súas precaucións fronte ao COVID-19. Ese día quedaron restrinxidas as visitas á unidade residencial e estremáronse as medidas de protección e hixiene. Ao día seguinte restrinxíronse as saídas do centro, adaptando as súas instalacións para que as persoas internas puidesen dispor de máis servizos e actividades de ocio dentro. Igualmente, estanse a desinfectar as zonas exteriores da unidade residencial diariamente dende o 21 de marzo.
Para celebrar a boa nova de todos os resultados negativos na proba do coronavirus, as persoas usuarias da asociación A Mariña xa comezaron a gozar, o propio venres 17 de abril, das saídas terapéuticas para as que teñen permiso médico.
92 persoas usuarias atendidas no último mes
Durante todo este tempo de adaptación ás novas circunstancias, A Mariña traballou duramente para garantir o mantemento dunha atención axeitada, de calidade e moi necesaria ás persoas con problemas de saúde mental. Dende o 11 de marzo estase a atender a 92 usuarios, realizando actuacións nos seguintes eidos: 2.326 casos de supervisión da medicación; 2.542 actuacións de atención sanitaria; 1.466 actuacións de supervisión personalizada de cada usuario ou usuaria; 2.682 intervencións sociais e de ocio; 326 intervencións psicolóxicas; 18 casos de apoio económico prestado pola asociación e, o que é máis importante, cero casos de ingresos en agudos.
Palabras de sentido agradecemento
A directora da asociación A Mariña, María José Novoa, non deixa de dedicar palabras de agradecemento a todas as persoas, entidades e axentes que están a facilitar a adaptación da asociación a un contexto tan complexo. En primeiro lugar, agradece a labor do persoal técnico da asociación polo seu esforzo e compromiso, ás familias pola confianza e pola calma, e ás persoas usuarias polo seu comportamento e adaptación exemplar á nova circunstancia.
Manda palabras de agradecemento ao persoal sanitario que se achegou a facer as probas do COVID-19 pola súa boa disposición e trato; á directora do Hospital da Mariña, María José Cortés, por facilitar a proba a todas as persoas traballadoras e usuarias de todos os recursos da asociación; ao Concello de Cervo, especialmente á concelleira de Servizos Sociais, Pilar Armada, por facilitar a desinfección diaria da residencia; ao GES (Grupo de Emerxencias Supramunicipais), con Mario Antuña, que acude a realizar dita desinfección; a Nati, de Decoraciones Ajuar, pola doazón das primeiras mascarillas de tela das que dispuxo a asociación; ao Cluster da Saúde, con Gisela como xerente, polo envío do primeiro material de protección completo que recibiu a asociación (batas gafas, mascarillas, calzas); a Makers da Mariña, especialmente a David, polo envío de pantallas de protección; a Saúde Mental FEAFES Galicia polo apoio constante en todo momento; á Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, especialmente a María Tajes, pola súa preocupación; ao Dr. Vila, coordinador de área; á Unidade de Saúde Mental de Burela, especialmente á psiquiatra Berta López, por facilitar os permisos para as saídas terapéuticas ás persoas usuarias da residencia e dos pisos; a Susana López Abella, Secretaria Xeral de Igualdade, pola súa preocupación polas usuarias dos pisos para mulleres vítimas de violencia de xénero e a entidade en xeral ; e ao Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Jose Manuel Balseiro, pola axilización das provas do COVID-19.
A Asociación de Axuda ó Enfermo Mental A Mariña foi fundada en 1999 por familias afectadas por problemas de saúde mental que uniron os seus esforzos para loitar por un obxectivo común: lograr que aos enfermos mentais e ás súas familias se lles preste unha axuda e asistencia continuada, buscando a súa integración na sociedade e traballando, para iso, na súa rehabilitación. Actualmente conta con Centros de Rehabilitación Psicosocial e Laboral en Burela e en Ribadeo, unha vivenda tutelada en Burela, a Unidade Residencial de Cervo e pisos para mulleres con enfermidade mental vítimas de violencia de xénero. Forma parte, xunto a outras 14 asociacións galegas, da federación Saúde Mental FEAFES Galicia.























A mostra reúne unha ampla selección de obras inspiradas na vida, a paisaxe e a identidade mariñá. O acto inaugural celebrarase o domingo 29 de marzo ás 18:00 horas e contará cunha actuación especial da chelista Amanda López López.
O actor e humorista continuará a súa xira pola comarca e presentará esta mesma proposta en Burela o venres 27 de marzo, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura. O monólogo combina imaxes e historias, con contidos novos e outros xa coñecidos, sempre cun humor moi persoal. A función está recomendada para maiores de 14 anos e as entradas, a 5 euros, poderán adquirirse no despacho de billetes desde unha hora antes. O evento conta coa colaboración do Concello de Burela, a Xunta de Galicia, a Agadic e a Rede Galega de Teatros e Auditorios.
A Guía Repsol destaca 24 locais galegos como Soletes de primavera para gozar nesta Semana Santa. Galicia suma xa 357 establecementos recoñecidos con este distintivo, que non se renova nin se revalida, senón que se concede como categoría única. Na provincia de Lugo figuran seis Soletes: ‘Caserío Meiroi’ (Navia de Suarna), ‘Ebos’ (Vilalba), ‘Faragullas’ (Mondoñedo), ‘La Salina’ (Sarria), ‘Ramón’ (Lugo) e ‘Trespés’ (Monforte de Lemos).
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.
Habilitarase o Rego das Flores. Desde o Concello recoméndase á cidadanía ter en conta esta incidencia nos seus desprazamentos mentres se manteña a restrición.
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
Será un concerto acústico e intimista, pensado para gozar da súa música nun formato próximo. Entrada libre ata completar aforo.



