Lugo, 16 de abril de 2020. A Deputación de Lugo ofrécelle á Xunta de Galicia a máxima colaboración para que cinco persoas maiores veciñas da Fonsagrada que eran usuarias das vivendas comunitarias privadas que foron intervidas e pechadas pola Administración autonómica ingresen no centro público que a institución provincial ten na localidade, o Residencial Rois.
O Presidente, José Tomé, lembrou que xa puxo a disposición da Xunta as residencias que ten en proceso de apertura para afrontar a crise sanitaria, “e diante da problemática xurdida na Fonsagrada ofrecemos a nosa residencia, respondendo ademais ao interese mostrado polas familias, algunhas das cales me chamaron por teléfono, e ás que lles mostrei a nosa disposición para que estas persoas sigan preto dos seus familiares, dos veciños e amigos, mantendo o arraigo á súa terra, nun centro público coma o noso, no que recibirán unha atención próxima e de calidade”. José Tomé valorou a vontade do Alcalde fonsagradino para que estes veciños volvesen ó seu concello para ingresar no centro de maiores da Deputación.
“Esperamos que a Consellería de Política Social se poña en contacto co departamento de Benestar Social da Deputación, o servizo encargado da xestión das residencias provinciais, e que canto antes lle remitan a comunicación oficial que autorice o ingreso destas persoas no noso Centro de Atención a Maiores”, afirmou o Presidente.
Tomé Roca agradece que “finalmente prime o sentido común” e a Xunta achegue ao seu entorno aos usuarios das vivendas comunitarias pechadas, despois do seu traslado ao HULA e do desprazamento a unha residencia do Carballiño, en Ourense, onde permanecen a día de hoxe. “Que volvan á Fonsagrada é o mellor, porque volverán a estar na súa terra, cerca dos seus, algo que axudará ao seu benestar físico e emocional”, recalcou o Presidente.
“É certo que non van poder saír nin ver aos seus coñecidos debido ao confinamento, pero seguro que cando se asomen á ventá da súa habitación a aplaudir ás 8 da tarde como fan os seus compañeiros, verán caras coñecidas nas ventás e balcóns e verán unha paisaxe familiar”, explicou o Presidente.
“Dende a lealdade institucional nós imos colaborar en todo o que se nos pida”, asegurou o Presidente, quen lembrou que a Deputación “dispón de recursos humanos e técnicos para facer efectivo o ingreso dunha maneira personalizada e adaptada ás necesidades e condicións físicas destas persoas, salvagardando en todo momento o seu benestar e velando pola súa tranquilidade”, afirmou José Tomé.
Esta situación, engadiu, demostra que o modelo asistencial público e de proximidade polo que aposta a Deputación “é respaldado polas familias, que manifestaron o expreso desexo de ir á nosa residencia da Fonsagrada, pero tamén pola propia Xunta de Galicia, que reconsiderou a súa decisión inicial de manter a todos os usuarios no Carballiño”.
Unha vez máis, ponse de manifesto tamén “o plus de calidade na atención aos usuarios e de tranquilidade para as familias que ofrecemos co noso modelo de residencias, xa que son centros pequenos nos que se garante que os maiores reciben os coidados e servizos que precisan e aos que teñen dereito, preto do seu lugar habitual de residencia”, explicou José Tomé. A Deputación facilita que “cada persoa poda permanecer no lugar no que fixo a súa vida, convivindo cos seus veciños e veciñas e atendidos por persoal que na súa maioría é da súa zona e mesmo coñecen”, asegurou.
Procedemento de ingreso
Unha vez que a Deputación de Lugo reciba unha autorización de derivación sanitaria de cada unha das 5 persoas, acompañado dos certificados de resultado negativo das probas de detección do Covid-19, poderase proceder ao ingreso na residencia de titularidade provincial da Fonsagrada.
Cando cheguen ao Residencial Rois, o protocolo establece que se debe efectuar unha desinfección preventiva das súas pertenzas e que as persoas deben realizar un aseo persoal inicial como medida preventiva para proceder ao seu illamento en habitacións. Malia que estas persoas, segundo traslada a Xunta á Deputación, deron negativo na proba de detección do coronavirus, deberán permanecer 14 días illadas sen contacto co resto de usuarios e usuarias, seguindo estritamente as pautas fixadas no protocolo.
Destas 5 persoas, 3 delas xa iniciaran os trámites de ingreso no centro da Deputación na Fonsagrada e xa se atopaban nunha fase avanzada do procedemento, pero a institución, adiantándose a outras administracións, aplicou xa desde finais de febreiro medidas de prevención e contención do Covid-19 que incluíron a interrupción de novos ingresos por seguridade.
A Xunta, con posterioridade, concretamente o día 12 de marzo, tamén adoptou a decisión de paralizar todos os ingresos en residencias de maiores, con excepción dos casos derivados polas autoridades sanitarias. Por iso, a día de hoxe e durante o estado de alarma, é a administración que ten a competencia de autorizar as novas altas.
A vontade da Deputación é que as 5 persoas queden a vivir de forma permanente no seu centro público, sempre que, por un lado, as familias así o desexen e, por outro, sempre e cando se adapten ás valoracións que deberán realizar os servizos sociais, tanto do Concello como da institución provincial.