Lugo, a 16 de abril de 2020. O grupo do PP confía en que o presidente da Deputación, o socialista José Tomé, tomara nota dos seus recentes erros e da necesidade que tivo de emendalos seguindo as indicacións dos populares e que, apoiado nesa experiencia, esta vez atenda á primeira a solicitude que acaba de facer o Partido Popular: creación dunha mesa multisectorial na Deputación, con reunións por videoconferencia, para deseñar as liñas de apoio desta institución á reactivación económica da provincia. O portavoz popular, Javier Castiñeira, lembra a Tomé que, como se atribúe con frecuencia a Concepción Arenal, o erro é arma que sempre se acaba por disparar contra quen incorre nel.
Coa expresa vontade de colaborar, de aportar ideas e iniciativas para que a Deputación cumpra o seu papel, que, nas actuais circunstancias, pode ser decisivo para a reactivación da economía na provincia, seriamente danada como consecuencia da crise sanitaria, o grupo provincial do PP acaba de facer unha nova proposta ao presidente da Deputación: a constitución dunha mesa multisectorial, que celebre reunións por medios telemáticos, formada polos portavoces dos grupos provinciais e por representantes dos principais sectores económicos e produtivos da provincia. Javier Castiñeira, convencido da necesidade de sumar esforzos e de evitar a comisión de erros que, no mellor dos casos, só fan retrasar decisións necesarias, lembra que o PP solicitou no seu momento que a pasada sesión plenaria se celebrase de modo telemático e o presidente da Deputación negouse, pero, finalmente, tivo que aceptar, porque non podía ser doutro xeito, a proposta popular. Tamén se resistiu José Tomé a comprar material de protección sanitaria para repartir aos concellos, pero finalmente, tal como lle dicía o PP, tivo que compralo. Son dous exemplos que espera que axuden ao socialista José Tomé a aceptar a proposta que agora faia o PP.
Castiñeira recorda que o seu grupo solicitou a primeiros de mes a convocatoria dunha reunión telemática da xunta de portavoces para deseñar medidas de aplicación directa pola Deputación nos concellos, tanto fronte a crise sanitaria propiamente dita como para paliar as consecuencias no tecido produtivo da provincia. O goberno provincial non se molestou nin en dar resposta a tal solicitude. Agora, o portavoz popular espera que non pase o mesmo con esta iniciativa para a constitución dunha mesa multisectorial.
O portavoz popular na Deputación, como xa se informou, mantén unha rolda de conversas telefónicas con representantes de distintos sectores (hostalería, comercio, construtores, CEL, AJE, federación de confrarías, asociación de madeiristas, etcétera), contactos que lle permiten ter unha clara radiografía da difícil situación económica e o convencemento de que a Administración ten que intervir; no ámbito provincial son precisas actuacións decididas da Deputación para estimular a economía.
Javier Castiñeira di que esta crise é un desafío a todos os que se dedican á política, un dos máis grandes, senón o máis grande, ao que se enfrontan os políticos españois en moitas décadas. É, di Castiñeira, unha gran ocasión de demostrar que Jardiel Poncela estaba equivocado e que non é certo que “el que no se atreve a ser inteligente se hace político”. Unha vez máis anima ao socialista José Tomé a actuar con vontade de acordo e a contar coa sociedade; espera que atenda a solicitude de constitución da mesa multisectorial e non repita os erros do pasado. “Veñen meses moi difíciles; recapacite, señor presidente da Deputación e inicie unha etapa de consenso e de traballo en equipo, así evitará que a provincia sufra as consecuencias da súa falta de planificación, da improvisación e de chegar sempre tarde”, declarou o portavoz popular.





















A mostra reúne unha ampla selección de obras inspiradas na vida, a paisaxe e a identidade mariñá. O acto inaugural celebrarase o domingo 29 de marzo ás 18:00 horas e contará cunha actuación especial da chelista Amanda López López.
O actor e humorista continuará a súa xira pola comarca e presentará esta mesma proposta en Burela o venres 27 de marzo, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura. O monólogo combina imaxes e historias, con contidos novos e outros xa coñecidos, sempre cun humor moi persoal. A función está recomendada para maiores de 14 anos e as entradas, a 5 euros, poderán adquirirse no despacho de billetes desde unha hora antes. O evento conta coa colaboración do Concello de Burela, a Xunta de Galicia, a Agadic e a Rede Galega de Teatros e Auditorios.
A Guía Repsol destaca 24 locais galegos como Soletes de primavera para gozar nesta Semana Santa. Galicia suma xa 357 establecementos recoñecidos con este distintivo, que non se renova nin se revalida, senón que se concede como categoría única. Na provincia de Lugo figuran seis Soletes: ‘Caserío Meiroi’ (Navia de Suarna), ‘Ebos’ (Vilalba), ‘Faragullas’ (Mondoñedo), ‘La Salina’ (Sarria), ‘Ramón’ (Lugo) e ‘Trespés’ (Monforte de Lemos).
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.
Habilitarase o Rego das Flores. Desde o Concello recoméndase á cidadanía ter en conta esta incidencia nos seus desprazamentos mentres se manteña a restrición.
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
Será un concerto acústico e intimista, pensado para gozar da súa música nun formato próximo. Entrada libre ata completar aforo.



