A Mariña, 13 de maio, 2020. Dende a declaración do estado de alarma, o sector alimentario estivo en activo para garantir o abastecemento de alimentos para a cidadanía. Dentro del, as granxas galegas tamén continuaron coa súa actividade. Porén, boa parte delas atópanse completamente desasistidas porque ou ben non se contempla ningunha axuda dende o Estado para compensar as perdas económicas que están a sufrir a causa das restricións, ou ben as que se articulan resultan insuficientes para as nosas explotacións.
De seguirmos así, con miles de granxas en serios apuros económicos e sen ningún tipo de apoio ou axuda pública para apoialas, poderiamos asistir nos vindeiros meses ao peche de moitos proxectos agrogandeiros por serlles imposible continuar coa súa actividade nas actuais condicións. Ademais, Galiza ten unha grande dependencia alimentaria do exterior, sendo importadora neta de produtos agrogandeiros, polo que non podemos permitirnos o luxo de pechar máis granxas.
As granxas multifuncionais e as que venden ao sector Horeca, contra as cordas
Neste momento, están tendo dificultades todos os sectores que facían venda directa e os que comercializaban a través do canal HORECA (hoteis, restaurantes e comidas preparadas). Na maioría dos casos combinaban varias formas de venda (cestas a domicilio, venda na propia finca, feiras, restaurantes, bares, hoteis, pequenas tendas, Internet…) e, dependendo da canle que predomine, están tendo máis ou menos problemas. En moitos casos, cesaron a actividade comercial por completo ao pechárselles todas as vías de saída da súa produción (mercados, feiras, bares, restaurantes e hoteis).
Ademais, moitos proxectos labregos son multifuncionais e teñen producións diversificadas (froita, horta, mel, patacas, vides, algún animal…). Estes casos, moi frecuentes na Galiza, quedarían fóra de todas as liñas de axuda contempladas até agora, xa que se están a convocar para explotacións cunha única orientación produtiva e con límites por abaixo (número mínimo de animais, por exemplo) ao que moitas explotacións non chegan.
Cómpren axudas para ovino, caprino, bovino de carne, horta, pequenas industrias transformadoras, viño, pataca, planta e flor cortada
Visto que o Ministerio de Agricultura, agora mesmo, só puxo fondos para os sectores ovino e cabrún, pero nunha liña de axudas que non se adapta á realidade galega; que as medidas postas en marcha pola Comisión Europea van beneficiar pouco a Galiza; e á espera de ver como se poden redistribuír os fondos do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) para afrontar a crise do Covid19, é necesario que a Consellaría de Medio Rural formule outras posibilidades de apoio a través das axudas de mínimis.
As axudas de mínimis son aquelas que non alteran a libre competencia no entorno comunitario. Son pequenas axudas que pode conceder un estado membro sen a obriga de comunicarllo a Comisión Europea. Actualmente, ampliouse a contía das axudas de mínimis para o sector agrícola pasando de 25.000 € (durante tres periodos fiscais) a 100.000 €. Outra vía para crear axudas nos sectores agrícola e forestal serían subvencións estatais suxeitas ao Regulamento (UE) 702/2014 da Comisión Europea.
No Estado temos numerosos exemplos de que as comunidades poden crear as súas propias liñas de axudas. En Navarra, pagan 3 € por ovella e financian o almacenamento privado de canais de año. Tamén pagan por hectárea de remolacha azucreira. En 2017, A Rioxa deu axudas de mínimis pola seca (3 € por cabra e ovella e 15 € por vaca nutriz). En 2019, Castela e León, creou axudas de mínimis para garantir o subministro de auga ás granxas extensivas. En Castela A Mancha, para paliar os danos producidos por aves necrófagas en gando doméstico. En Cataluña, para o transporte de xurros e diversos investimentos asociados á súa xestión.
A crise actual e o desamparo que sofren as nosas granxas coas liñas de axudas que está creando o Ministerio de Agricultura, fan necesario que a Consellaría de Medio Rural tome as rendas na Galiza e cree liñas de axuda adaptadas á nosa realidade. Dende o Sindicato Labrego Galego, cremos que deberían ser as seguintes:
1.Explotacións de horta, de planta ou mixtas, que fan venda directa (mercados e/ou restauración) e que habitualmente non cobran axudas. En extensión son moi pequenas, polo que calquera cobro por hectárea non vai servir. Precisan unha axuda de minimis por persoa como compensación ao peche dos mercados e da restauración.
2.Explotacións de ovino e cabrún. Sector moi afectado polo peche das súas canles de venda normais. Non esperan que mellore a comercialización polas restricións que posiblemente seguirán existindo para os actos nos que se acostuma consumir esta carne. As axudas publicadas no BOE van ter uns efectos cativos na Galiza, xa que os nosos rabaños son pequenos e porque, segundo os datos das axudas acopladas, só hai 173 explotacións de ovino e 23 de cabrún en toda Galiza que cobren as axudas asociadas voluntarias de ovino e cabrún. Polo tanto, na convocatoria que faga Galiza, debe rebaixarse o límite inferior de máis de 50 (ovino) e 30 (cabrún) femias reprodutoras para adaptarse á realidade da nosa terra. Tamén se debería pagar pagar máis polos primeiros animais ou pagar por activo. En Navarra xa se estableceu unha axuda de minimis para este sector.
3.Explotacións de carne bovina. No sector calculan que caeu o prezo un 30%, baixada que se fixo máis acusada no vacún maior. Estamos a falar de granxas que xa viñan tendo unha escasa rendibilidade, polo que calquera variación mínima no prezo fai que perigue a súa existencia. Posiblemente, neste caso tarde máis en recuperarse o prezo e o mercado. Sería conveniente, polo tanto, estudar a posibilidade de crear unha axuda de mínimis tamén para este sector, baseada nas perdas sufridas nos becerros vendidos dende marzo até que remate o estado de alarma.
4.Pequenas industrias transformadoras (adegas, queixerías, etc.) que non entran na distribución dos supermercados. As canles de venda pecháronse por completo. O primeiro mes foi, en moitos casos, de facturación cero. Algunhas están tentando outras formas de comercialización agora, pero pensamos que hai que evitar o seu peche. Cómpre establecer unha axuda directa se non queremos que a pequena transformación desapareza.
5.Pequenas explotacións agrícolas non alimentarias, como as de flor cortada, planta, etc. que viron anuladas as súas vendas e, polo tanto, tamén precisarán axudas específicas.
6.Pataca e sector vitivinícola: O SLG xa reclamou axudas específicas para estas producións, ao borde do colapso pola paralización de grandes continxentes de viños nas adegas e de pataca nos almacéns polo peche do canal Horeca. Consultar: bit.ly/PatacaLimiaCovid e bit.ly/ViñoCovid19
Ademais, tal e como solicitamos con anterioridade dende o Sindicato Labrego Galego, as axudas deben vir apoiadas por outras medidas de reforzo como campañas publicitarias para promover o consumo de produtos galegos, intensificar a compra pública de alimentos para fornecer institucións como hospitais ou residencias, ampliar Mercarproximidade ao pequeno comercio ou presionar a todos os concellos de Galiza para que abran os seus mercados alimentarios de proximidade, unha actividade comercial fundamental para miles de familias que pode volver activarse dende o 4 de maio.




















O luns 30 de marzo ás 18:00 horas darán comezo as visitas guiadas polo casco histórico de Viveiro, conducidas polo historiador Xesús Martínez e organizadas polo CCHV coa colaboración da Xunta de Cofradías da Semana Santa. Antes da primeira visita, ás 17:30 horas, realizarase unha breve presentación na Praza Maior, diante da porta do Concello. No acto participarán José Veiga, en representación da Xunta de Cofradías, Cristina Rodríguez, presidenta do CCHV, e o propio Xesús Martínez.
O alcalde, Pedro Fernández, salientou o seu impacto turístico e deportivo. A edición inclúe un atractivo especial: a Concentración da Selección Española OPEN, que adestrará en Tapia do 1 ao 6 de abril. O Goanna Pro é a segunda proba da Liga PRO, garantindo un nivel competitivo máximo. Datas: Semana Santa 2026. Lugar: Praia de Anguileiro. Destacado: Concentración da Selección Española (1–6 abril).
O delegado destacou a consolidación do evento como referente cultural na Terra Chá. O festival contará con Caamaño & Ameixeiras, Ulex e La Txama, ademais de actividades lúdicas. A cita será no campo da feira de Gontán, con entrada gratuíta.
A mostra reúne unha ampla selección de obras inspiradas na vida, a paisaxe e a identidade mariñá. O acto inaugural celebrarase o domingo 29 de marzo ás 18:00 horas e contará cunha actuación especial da chelista Amanda López López.
A Guía Repsol destaca 24 locais galegos como Soletes de primavera para gozar nesta Semana Santa. Galicia suma xa 357 establecementos recoñecidos con este distintivo, que non se renova nin se revalida, senón que se concede como categoría única. Na provincia de Lugo figuran seis Soletes: ‘Caserío Meiroi’ (Navia de Suarna), ‘Ebos’ (Vilalba), ‘Faragullas’ (Mondoñedo), ‘La Salina’ (Sarria), ‘Ramón’ (Lugo) e ‘Trespés’ (Monforte de Lemos).
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.



