Mondoñedo-Ferrol, 26 de xuño de 2020. O pasado 13 de xuño, tiña lugar na igrexa de San Francisco de Santiago de Compostela un funeral polo eterno descanso das vítimas do Covid-19 en Galicia. A cerimonia estivo presidida polo arcebispo compostelán e concelebrada por todos os bispos das dioceses galegas. Asistiron, ademais, diferentes autoridades civís, militares e académicas de Galicia.
Unha vez celebrado este funeral oficial, a diocese de Mondoñedo-Ferrol considerou oportuno realizar dous funerais (un, en Mondoñedo; outro, en Ferrol) polas vítimas do Covid-19 no noso territorio diocesano. Serán dúas cerimonias aplicadas polos defuntos e, como manifesta Mons. Das Heras, “tamén como expresión de condolencia cos familiares, procura de consolo e esperanza para eles e para todos nestas circunstancias de incerteza e temor”.
É prioritario, por tanto, que tratemos de convidar a estas cerimonias aos familiares e persoas achegadas das vítimas da pandemia. Desde o Servizo Diocesano de Comunicación, utilizaranse todas as canles para facerlles chegar esta invitación. Así mesmo, rogamos especialmente aos párrocos e capeláns (quen pode coñecer un maior número de casos) que transmitan esta invitación a familiares e amigos afectados pola perda de seres queridos.
A primeira celebración será na Catedral de Mondoñedo o sábado 27 de xuño ás doce do mediodía, dirixida ao ámbito dos catro arciprestados que a nosa diocese ten na provincia de Lugo. A segunda cerimonia terá lugar na Concatedral de San Julián de Ferrol o martes 30 de xuño ás sete e media da tarde, para a área dos tres arciprestados da provincia da Coruña. Ambas as celebracións estarán presididas polo bispo de Mondoñedo-Ferrol, ao que acompañarán arciprestes, cóengos e párrocos dos defuntos.
Naturalmente, serán observadas todas as medidas sanitarias de protección establecidas polas autoridades para este período de saída do estado de alarma en Galicia. Rogamos, pois, a colaboración e comprensión de todos os fieis que desexen acudir, dada a vixencia da limitación de aforo nos templos.
